Acerca de Jorge Castro Ruso

Acerca de

Jorge Castro Ruso

Galego, coruñés. Curioso por riba de todo. Gústame variar, cambiar, arriscar, experimentar… con todo o que iso ten de bo e de malo. Pero creo que en xeral compensa. Así podo dicir que fun vendedor de libros, perruqueiro, locutor radiofónico, responsable de gabinete de prensa, xerente dunha institución, actor de teatro, guionista teatral, contacontos, asesor na Administración, vendedor de publicidade, administrativo de seguros, animador sociocultural, tradutor de galego, director de campamentos e actividades de tempo libre, auxiliar de bibliotecas… e podería seguir. Mención especial merece a miña experiencia docente no mundo da educación non formal e en materias diversas: animación xuvenil, dramatización, lexislación de tempo libre, planificación, xestión de entidades socioculturais, alfabetización dixital, mantemento de ordenadores portátiles, monográficos de temas diversos de Internet, técnicas de aire libre…

Hoxe en día traballo nas bibliotecas municipais da Coruña, onde podo combinar moitas das miñas afeccións e gustos. Pero se hai algo que me interesa especialmente, e que tamén me preocupa, son os temas de seguridade na Rede, e máis en concreto no que atinxe a menores. Imaxino que é unha “combinación” da miña afección a Internet e a miña formación e práctica en educación.

É por iso que manteño esta web desde hai anos, como apoio ás charlas e cursos que nesta materia imparto, e como forma efectiva de difundir unha serie de consellos, axudas, precaucións que poden ser útiles tanto para os pais e nais, como para educadores e nenos e adolescentes. Moitos dos artigos que aquí se publican serán útiles non só para aplicar aos fillos e fillas senón tamén para os adultos. Creo que queda moito por percorrer no tema de “educación na navegación” e ten que ser unha formación continua porque Internet non é estática senón que cambia e evoluciona a gran velocidade.

A concepción inicial de Menores en Rede como un blog sinxelo evolucionou a este sitio un pouco máis complexo onde fundamentalmente atoparedes tres apartados:

  • Menores en Rede: mantén o espírito do antigo blog e dedícase a ofrecer consellos e reflexións dirixidos a adultos sobre a seguridade dos menores na Rede.
  • Consellos para menores: un apartado dirixido especificamente aos menores, dándolles pequenas “pílulas” para mellorar a súa vida na Rede.
  • Para os maiores: unha sección dedicada a ofrecer consellos, avisos e recomendacións dirixidas especificamente aos adultos para unha mellor experiencia en Internet, e especialmente nas redes sociais.
  • Arquivo: están recollidos aquí os artigos do antigo blog Menores en Rede, publicados entre setembro de 2010 e decembro de 2013. É posible que algúns dos artigos só teñan a versión en castelán porque non se chegaron a publicar nunca en Menores en Rede, pero si na versión castelán Menores en Red. Son poucos casos, pero algún haberá.
  • Contacto: calquera suxestión, comentario que queirades facerme. Tamén para pedir información sobre charlas e actividades en centros educativos, ANPAS, asociacións… en torno á seguridade dos menores en Internet.

Conto coa vosa complicidade para manter este sitio vivo e para que sirva como punto de encontro. Coa achega de todos conseguiremos que Internet sexa un pouquiño máis seguro.