Menores en rede

Espiar a nuestros hijos e hijas en Internet

Espiar aos nosos fillos e fillas en Internet

Espiar aos nosos fillos e fillas en Internet é unha tentación á que sucumben moitos pais e nais e é habitual que en charlas e conferencias sobre estes temas sempre xurda a pregunta dos programas de control parental.

É entendible que nos preocupe a súa seguridade á hora de navegar pola Rede porque somos conscientes dos perigos que se poden atopar: desde ciberbullying, ata depredadores sexuais pasando polo sexting. E ademais diso preocúpanos o posible exceso de tempo que lle dedica á navegación, o deixar de facer outras cousas por estar conectado a Internet, a seguridade, ata familiar, polo mal uso dos móbiles (xeolocalización ou fotografías colgadas na rede, por exemplo) …

A industria das aplicacións de control parental

Desta preocupación aprovéitase a industria das aplicacións, e iso deu lugar á existencia múltiples apps destinadas ao control parental. Son aplicacións que, segundo a súa complexidade, poden controlar –e regular– desde o tempo que pasa o menor co equipo (xa sexa móbil ou fixo), ata os seus contactos, o seu historial de navegación, que apps utiliza e ata se vai circulando nun vehículo a máis velocidade da permitida.

Se seguides esta web, saberedes que non son moi entusiasta destas aplicacións de control parental máis que como último recurso ou como medida complementaria. E entendo que a preocupación dunha nai ou un pai leve a querer saber absolutamente todo o que o neno ou nena fai na Rede.

O que di a lexislación

Que o noso fillo ou filla sexa menor, viva connosco e dependa de nós, non o converte nun suxeito sen dereitos. Do mesmo xeito que os adultos, e tal e como recolle o artigo 4 da Lei Orgánica 1/1996, de 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, de modificación do Código Civil e da Lei de Axuizamento Civil ten dereito ao honor, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe. E este dereito comprende tamén a inviolabilidade do domicilio familiar e da correspondencia, así como do segredo das comunicacións.

Quere isto dicir que, ao amparo da lei, debemos deixar que exploren e experimenten sen ningún tipo de control ou supervisión? En absoluto. Pero o que non nos permite a lei é ler as súas conversas nin entrar no seu correo nin nas súas redes sociais acotío. Malia o estipulado na disposición arriba mencionada, tamén o artigo 154 do Código Civil establece como deberes dos pais para cos seus fillos “velar por eles, telos na súa compaña, alimentalos, educalos e procurarlles unha formación integral”. Como se conxuga isto coa protección da súa privacidade? Está claro que prevalece o dereito do pai e a nai de velar polo seu fillo, co cal se chegado o caso é necesario invadir a súa intimidade estará xustificado. Pero queda claro que non se debe facer como forma habitual, como sistema.

A difícil adolescencia

Pero cinguirnos só ao ámbito legal non nos axuda moito. Desde un punto de vista pedagóxico debemos ter en conta que a adolescencia é a etapa na que o menor vai formando a súa identidade e isto comporta moitos conflitos, non só os referidos ao uso de Internet.

Por unha banda, é frecuente, e sempre o foi, que os adolescentes poñan a proba a autoridade de pais e nais e que cuestionen constantemente as normas, como forma de reafirmar a súa personalidade. Todo isto forma parte do proceso de maduración. E necesitan, para este desenvolvemento, da privacidade, porque é necesaria para a construción da súa identidade.

Internet ofrécelles un espazo ideal para esta reafirmación da súa identidade. Na Rede poden reforzar os seus comportamentos ante o resto do grupo, poden comportarse de xeito anónimo cando o precisen, poden acceder as 24 horas, e, en definitiva, van forxando a súa personalidade igual que o fan fóra dela.

E si, claro que son condutas de risco. Pero un control invasivo por parte dos seus pais ou nais pode ter un efecto rebote e agravar os riscos en lugar de evitalos. En primeiro lugar, dana a relación entre o pai/nai e o fillo. E se xa nesta etapa evolutiva é frecuente que o menor confíe máis no seu grupo de amigos que nos seus pais, imaxinemos como se pode agravar se se chega a decatar de que é espiado. Se el ou ela sente que os seus pais non lle teñen confianza é posible que se volva máis celoso de darlles información.

E, por outra banda, na adolescencia é habitual e moi normal o explorar e experimentar. Nós mesmos faciámolo e seguramente non existía Internet. Pero moi probablemente nesas mesmas idades nós pasámonos bebendo máis da conta nalgunha ocasión, ou seguramente fumamos ás agachadas ou tivemos algunhas incursións sexuais. Eles ségueno facendo e engaden ademais as experiencias que poidan ter na Rede. Son condutas de autoafirmación que forman parte do seu desenvolvemento. O que non implica, por suposto, o deixarlle ao seu libre albedrío. Pero unha cousa é educar e outra controlar.

Concluíndo

Ser pai ou nai é unha gran responsabilidade. E esta tarefa vese sometida a proba especialmente na adolescencia. É normal que desexemos ter “agarradoiras” que nos guíen e nos dean seguridade de como actuar, pero por sorte ou desgraza non existen tales “agarradoiras”. Nin a lexislación pode suplir a nosa responsabilidade de pai ou nai, nin a pedagoxía ten receitas válidas para cada momento e cada caso.

Desta preocupación veñen as condutas de moitas familias de “fisgar” o que fan os seus fillos na Rede. Non é de estrañar, porque xa o facía, seguramente, a nosa nai, cando na nosa ausencia “botaba unha ollada” aos nosos caixóns. Pero facelo en Internet é moito máis complicado. E intentar controlar todo o que fan é unha tarefa imposible. De nada vale unha ferramenta de control parental no seu móbil se hoxe en día teñen cantidade de equipos desde os que acceder (móbiles dos amigos ou equipos públicos, por exemplo). Por iso é moito máis eficaz a educación, e desde unha idade temperá, antes da adolescencia, como xa comentamos nun artigo anterior.

E para finalizar, reflexionemos sobre o feito de se intentar escudriñar a vida dos nosos fillos e fillas non responderá máis a un desexo de reducir a nosa ansiedade que a un desexo de protexer ao menor. Porque para protexelo é moito máis eficaz a educación que o control.

Fotografía superior de Benjamin Maubach

Tu comentario/O teu comentario