Consellos para menores

Ganar dinero con smartphone

Gañar diñeiro cun smartphone

Gañar diñeiro cun smartphone? É un reclamo que quizais esteamos vendo en varios sitios de Internet e sobre todo nos comentarios de usuarios de calquera aplicación que teñamos instalada no teléfono.

Posiblemente estes días, se instalaches unha aplicación nova, ou se accediches á súa descrición en Google Play á hora de actualizala, verías nos comentarios dos usuarios –onde normalmente valoran a app– recomendacións dun certo tipo de aplicacións destinadas a realizar algunhas cousas co noso teléfono –fotografar produtos nunha tenda, ver vídeos, probar apps… – e a cambio recibir cartos. E xorde a dúbida: realmente son aplicacións que fan o que din ou son un método para introducir algún tipo de virus no noso smartphone ou para recoller datos persoais ou outras intencións? Pois para iso vexamos algunhas delas.

CashPirate

É unha das que máis se está promovendo. De entrada o nome xa pode facer desconfiar. Se instalas esta aplicación, o que che propoñerá é sobre todo probar xogos, descargar aplicacións gratuítas para valoralas, ver vídeos, etc. A cambio vaiche dando puntos que logo son intercambiables por diñeiro ou tamén por agasallos. Ademais tamén se gañan puntos invitando a outras persoas a usar a app. É por iso que tantos usuarios deciden encher a Rede –e o espazo de recomendacións das demais aplicacións– animando a probar esta app. CashPirate funciona en segundo plano comprobando se en efecto instalaches a aplicación que che propón probar.

É efectivo? Pois seguramente o primeiro euro o gañes moi rapidamente porque depende que aplicación sexa a que probes dáche máis ou menos puntos. Pero unha vez que esgotes xa as de máis puntos, o resto ofrecen moi pouca recompensa (quizais 5 ou 10 céntimos por cada unha). Isto supón que para gañar un euro se cadra teñas que instalar 10 ou 20 aplicacións, co que comporta de posibles problemas de seguridade, ben porque a app que probas poida ser malware ou porque ao instalalas estaslles dando acceso á túa información persoal ou permisos que non son recomendables (véxase o artigo Os permisos das aplicacións do noso smartphone). Finalmente é fácil que logo dun mes, e dedicándolle polo menos media hora diaria, non consigas máis de 5 euros.

AppBounty

Esta aplicación recompénsache con tarxetas agasallos de Amazon, iTunes, Google Play e outros, a cambio de instalar e probar apps gratuítas. Unhas veces só che pide instalala e outras veces esixe que te rexistres nesa aplicación ou realizar algunha acción como xogar, por exemplo. Do mesmo xeito que CashPirate, resulta moi arduo conseguir algunha das recompensas, porque as tarxetas regalo que ofrecen son dun monto mínimo que ás veces resulta difícil alcanzar.

WHAFF

É outra aplicación similar ás anteriores. Neste caso vai esixir non só que descargues as apps que che suxire, senón tamén usalas e non eliminalas do teu teléfono. Unha peculiaridade desta aplicación é que obriga a que te rexistres mediante a túa conta en Facebook. Ten unha chea de posibilidades, como a de probar un xogo uns minutos ao día, ou unha escura sección de Other picks que ofrece accesos directos a outros servizos similares a WHAFF. Ollo, porque acceder a algúns deles sen comprobar os permisos que requiren, pode levarche a perder o control do teu teléfono ou acabar subscrito a un servizo de recepción de SMS Premium, co conseguinte desgusto na factura telefónica. Ademais, de forma parecida ás anteriores aplicacións que comentamos, esixe un monto mínimo para poder comezar a recibir recompensas, e non é doado chegar a esa cantidade (10 dólares).

Conclusión: inda que as aplicacións –as que describo neste artigo e outras similares– fan o que din (gañar cartos a cambio dalgunhas accións por parte do usuario), realmente esixen dedicarlle moito tempo para obter unha pequena ganancia. Ademais o feito de instalar decenas de aplicacións no noso teléfono comporta unha serie de riscos como os que xa sinalamos (posibilidade de malware, acceso á nosa información persoal, perda do control do noso smartphone, subscrición a servizos Premium…). Por non falar de que todas estas aplicacións que instalamos para probar e para obter recompensas, ocupan espazo e recursos do noso smartphone, que se pode ver afectado no seu uso cotián. E por suposto, o dano colateral do spam que inunda as seccións de valoracións de usuarios na Google Play e outras tendas e foros.

Así que, inda que estas aplicacións sexan legais, non son moi recomendables. Piden demasiado para gañar moi pouco.

Tu comentario/O teu comentario