Menores en rede

hashtags adolescentes

Os hashtags e os adolescentes nas redes sociais

Se algo marca unha división entre os adolescentes adestrados en usar redes sociais e os adultos recentemente chegados, é o uso dos hashtags en todas as redes sociais: Instagram, Twitter, Facebook, WhatsApp…

Que son os hashtags.

Para os que non o saiban, un hashtag é unha palabra ou unha combinación de carácteres alfanuméricos (ata palabras encadeadas) –algo así como unha etiqueta– que se usa precedida do signo # nas redes sociais para facer buscas, agrupar conversacións, identificar mensaxes…

Non se trata de algo que naza coas redes sociais. Se sodes persoas de certa idade e con veteranía no uso de Internet, quizais lembredes as canles IRC, aqueles sistemas de conversación en liña, con salas por temas ou zonas xeográficas, e onde xa se comezaban a usar os hashtags. Pero foi Twitter o servizo que popularizou e estendeu o seu uso.

Así, se nun momento determinado queremos saber o que se está “cocendo” en Twitter (ou calquera outra rede) sobre un tema, basta con teclear na procura un hashtag relacionado. Se nos interesa saber algo sobre o entroido deste ano, porque, por exemplo, queremos atopar celebracións e eventos nos que participar, buscariamos coa etiqueta #entroido2017.

Adóitanse usar tamén en conmemoracións de días especiais, por eventos, por noticias… Hoxe en día, os organizadores de calquera congreso ou reunión que se prece, non deixan pasar a oportunidade de publicar previamente o hashtag que acompañará a todas as publicacións en redes que se refiran a ese acto. Se é o caso de que se celebra o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, difúndese o hashtag #MullerECiencia. Ou se a noticia dese día está nas eleccións en Venezuela, a etiqueta será #EleccionesVzla2017. Deste xeito, se todas as persoas que publican algo con referencia a estes temas engade na mensaxe unha desas etiquetas, mediante o buscador desa rede social atoparanse agrupadas todas as mensaxes en torno a ese tema (sempre que engadan ese hashtag).

Relacionado con isto, úsase o termo Trending Topic para referirse aos hashtags máis repetidos nun prazo concreto de tempo nunha rede social. Vén significar o tema de moda, do que máis se está falando nese momento na rede.

O uso de hashtags polos adolescentes.

Unha vez feita esta introdución para as persoas adultas non familiarizadas cos hashtags, vexamos tamén o uso específico que os adolescentes fan desta función.

Ademais de todas as que acabamos de ver, os mozos usan tamén etiquetas en certo modo “secretas” ou en clave para agrupar as súas comunicacións e mantelas fóra da vista dos seus pais e nais. Hashtags como #selfharrrm son engadidos por adolescentes ao final das súas publicacións en Instagram referidas a autolesións. Falamos do trastorno de autolesión non suicida (INSS, Non-Suicidal-Self-Injury), que ten así a súa presenza nas redes sociais. Selfharm significa “autolesións” en inglés. Mozos e mozas que presentan condutas tan perigosas como esta, comunícanse e informan das súas autolesións usando hashtags deste tipo. Para evitar ser descubertos engaden letras (neste caso varios -r- no medio do hashtag) e van facendo modificacións para evitar ser descubertos.

Créanse deste xeito verdadeiras comunidades online en torno a hashtags. Lonxe comezan a quedar as páxinas de Facebook, os blogs ou as webs con contidos referidos á anorexia ou a bulimia, por exemplo. Os adolescentes descubriron que estas novas comunidades creadas en Instagram (e noutras redes) en torno a determinados hashtags, ofrécelles moita máis protección, fainas máis seguras fronte ao rastrexo e evitan o monitoreo das súas vidas virtuais por parte dos seus pais e nais. A dificultade para actuar e desenvolver unha liña de acción para frear estas comunidades medra porque estes hashtags ademais de ter moitas veces significados ocultos, van variando e adoptando outras formas, unha vez que se popularizan fóra dos seus ámbitos ou son detectados polas redes sociais. Ata hai ben pouco seguían circulando #ana, como referido a anorexia, #annie referido a ansiedade, #sophie a esquizofrenia e #sue suicida.

Hai outro tipo de hashtags usados polos adolescentes que fomentan o seu ego e o seu recoñecemento e popularidade. Un deles é #RKOI (Rich Kids of Instagram). Con esta etiqueta mozos e mozas de todo o mundo presumen de riqueza, con fotos portando bolsas de compra de establecementos de marca, pousando en coches de moi alta gama, con complementos de luxo, etc. Un hashtag que xa trouxo complicacións a máis dun rapaz e á súa familia.

Fronte a hashtags perigosos: educación.

En definitiva, todo un mundo para descubrir. Os hashtags son as ferramentas para profundar nas redes sociais de moda dos adolescentes. E revelan moito do seu comportamento, as súas afinidades, as súas tendencias e as súas relacións.

Por iso é tan difícil o regular un mundo tan amplo como o de Internet. Sempre se di que é poñer portas ao campo, e así é. De pouco vale pechar webs con contidos prexudiciais para a infancia ou a mocidade, se seguen existindo comunidades informais nas redes sociais agrupadas en torno a hashtags que só eles coñecen e que evolucionan segundo as necesidades.

É por iso que desde Menores en Rede sempre aconsellamos a educación fronte ao control. De nada vale implantar sistemas de control parental se non se fixo un traballo de educación do neno ou a nena desde antes da adolescencia. Os sistemas de control parental poden ter a súa función como complemento, sempre que non sexa de modo intrusivo, ou en casos que xa saíron fóra de control. Pero a mellor ferramenta é educar aos menores desde canto antes no bo uso da Rede, como xa comentamos nun anterior artigo. E isto comporta que nais e pais se poñan as pilas canto antes, por suposto. Ferramentas, hoxe en día, non faltan. Así que, mans ao carro!

Fotografía superior de Jyväskylän seurakunta

Tu comentario/O teu comentario