Para os maiores

Las instituciones también pican con las cartas en cadena

As institucións tamén “pican” coas cartas en cadea

Non hai dúbida de que estamos vivindo unha época de transformacións rápidas e constantes. As tecnoloxías da información e a comunicación (que, por certo, xa non ten sentido denominalas “novas tecnoloxías”) evolucionan e fan cambiar os nosos hábitos e a nosa forma de relacionarnos co mundo. E isto afecta a nenos, novos e adultos.

Pero hoxe voume deter nos adultos. Persoas adultas que deberiamos actuar como guías e referentes dos menores no mundo dixital. Esta rápida evolución das tecnoloxías fai que custe e que requira un esforzo adaptarse a elas. Pero non hai outra opción se non queremos naufragar e facer que os menores aos que debemos orientar naufraguen connosco.

Como apunta Fernando de la Rosa no seu artigo “Un novo modelo educativo profesional” incluído no libro Los nativos digitales no existen, «atopámonos ante o paradoxo de que a sociedade pasou de ser ignorante (non saber) a ter unha opinión sobre todo. (…) A natureza do cambio é tal que se pasa de non ter opinión a ter unha opinión equivocada».

Penso, sen dúbida, que a excesiva credibilidade que lle damos ás informacións que recibimos a través de Internet é un dos principais problemas con que nos atopamos. Aceptar como válida calquera noticia ou dato que atopamos na Rede é tan perigoso ou máis que estar desinformados.

As famosas cadeas, hoaxes, que circulan nas redes sociais, malia as advertencias e os desmentidos, seguen estendéndose. E o preocupante é que xa non só son as persoas físicas as que entran no xogo, senón que ata as institucións se fan eco destas falsas informacións.

Vén isto a conto por unha carta que circula desde hai tempo entre empresas, concellos, centros de ensino, ONGs, etc. cun texto similar a este:

«Recibimos unha solicitude de axuda para que fagamos realidade o soño dun neno con cancro. O neno quere entrar no libro Guinness dos récords conseguindo a carta en cadea máis longa do mundo. Pide que enviemos esta carta a dez empresas, autoridades locais, escolas, residencias, etc. Como se pode observar na documentación que se achega, a carta en cadea non foi interrompida nunca. Este centro únese á iniciativa e solicita a súa colaboración».

E acompáñase da relación das dez institucións ás que se lles reenvía esta carta.

Non é moi difícil descubrir a falsidade desta mensaxe:

  • Non identifica ao suposto neno con cancro. Non sabemos de onde é, como se chama, nin ningún outro dato.
  • Non consta ningunha data, co cal pode ser que estea circulando desde hai 10 anos (e de feito así é, con variantes).
  • Limítase a reenviar a carta, pero, como sabe a organización do libro Guinness que en efecto se está reenviando? Nin o suposto neno nin a organización do premio teñen xeito de recibir un feedback da acción. E pódovos asegurar que figurar no libro Guinness comporta un proceso de verificación moi estrito e moi regulado.
  • Que logra o suposto neno con cancro no caso de aparecer no libro Guinness? Se accedemos a este tipo de solicitudes, podemos prepararnos todos, persoas e institucións, para recibir avalanchas de peticións de todo tipo. E hoxe será un neno con cancro, mañá unha nena que perdeu aos seus pais e pasadomañá uns xemelgos vítimas dun bombardeo que perderon todo. Onde poñemos o límite? Como verificar que todas as peticións son reais? Apelan ao sentimento e, aínda que as institucións de seu non teñen sentimentos, as persoas que as xestionan si.

Desta carta da que estamos falando xa se fixo eco a policía, en concreto os Mossos d’Esquadra o 19 de febreiro de 2016, a través da súa conta de Twitter.

Twitter Mossos d'Esquadra

Incluso a propia web oficial de Guinness, aclara que «Guinness World Records non acepta récords relacionados con “cartas en cadea” por correo, email ou redes sociais. Se recibe unha carta ou email que prometa publicar todos os nomes dos que reenvían, non é auténtica».

O curioso, e lamentable, é a cantidade de organismos oficiais que se fixeron eco deste hoax. Rastrexando en buscadores ata se atopa esta carta con rexistro oficial de saída de concellos e outras institucións.

Se queremos esixir aos menores unha navegación segura e responsable na Rede, o primeiro que hai que facer é autoesixir iso mesmo a nós, as persoas adultas. E esa esixencia aumenta no caso de representar a unha institución oficial. Non é difícil discernir a veracidade dunha información. Pero de entrada, desconfiemos de calquera tipo de cadea, e moito máis se non constan datos como lugar ou persoa de orixe, forma de contacto ou data.

Así que, mensaxe de hoxe: todas as persoas adultas debemos empezar a ser responsables e usar o sentido común (que ás veces parece que á hora de usar Internet se perde por completo) para deste xeito poder servir de exemplo e referencia para os menores.

Un último aviso: copia e envía este artigo a 20 contactos teus para que un millón de nenos e nenas con problemas para navegar por Internet reciban unha boa lección. 😉

Fotografía superior de Perrin Gaëtan

Tu comentario/O teu comentario