Menores en rede

Adolescentes y pornografía

Adolescentes e consumo de pornografía en Internet

O consumo de pornografía en Internet por parte de adolescentes é un tema recorrente e que preocupa a moitos pais e nais. E como noutros temas similares, recordo que non é algo que sexa culpa de Internet na súa orixe. Desde sempre, os adolescentes, ao chegar a esta turbulenta idade, sentiron curiosidade polas imaxes eróticas e pornográficas. Que levante a man quen non teña pasado por esa inquietude.

O que si fixo Internet é poñer este material ao alcance da man e dun xeito máis explícito. O que antes supoñía ver unha revista ás agachadas, agora convértese nunhas sesións de navegación pola Rede onde todo está ao alcance da man. E o que antes era poder ver uns órganos e uns actos sexuais con detalle, agora vai máis aló, e pódese ver o que poderiamos denominar parafilias ou ata perversións.

Se atopas ao teu fillo ou filla consumindo pornografía a través de Internet, o primeiro que has de pescudar é se se trata de algo puntual ou se é un consumidor habitual. No primeiro caso trátase de algo normal ata certo punto. O segundo caso xa pode ser máis preocupante. Pero en ningún dos dous casos a solución pasa por prohibir nin pola gran reprimenda. Sabedes que a rebeldía é algo consubstancial á adolescencia, e que unha actuación así levaría seguramente a seguir facéndoo doutros xeitos.

Non vou entrar aquí nos efectos perniciosos do consumo habitual de pornografía por parte dos menores, posto que non é esta unha web dedicada á pedagoxía estritamente, senón aos consellos sobre navegación segura dos menores na Rede. Atoparedes, nunha simple procura en Internet, cantidade de sitios dedicados a explicar as consecuencias do consumo do porno nos adolescentes, a visión deformada da sexualidade que representa a pornografía, as ideas confundidas sobre os roles de xénero que desenvolve, etc.

Os estudos estatísticos reflicten de xeito constante desde o inicio do uso de Internet, que unha das maiores preocupacións de pais e nais con respecto á navegación dos menores na Rede é o consumo de contidos pornográficos. Segundo o último estudo da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia sobre o consumo de Internet realizado en 2015, o 69,6% dos pais reflicten esta preocupación. E non é a primeira vez que a Menores en Rede chegan correos sobre este tema.

Poñer portas ao campo é imposible. Poñer portas a Internet é tamén imposible. Por moito que prohibamos, que controlemos ou que usemos programas de control parental, será moi difícil que, se o menor quere, non chegue a contidos pornográficos. E este tipo de contidos está nas páxinas web, nas redes sociais e en calquera medio que se desenvolva a través da rede.

Solucións?

Os programas de control parental poden limitar o acceso a parte destes contidos, pero non existe ningún tan eficaz como para evitalos por completo. Sobre os programas de control parental xa comentamos noutra ocasión nesta mesma web, falando da familia como primeiro programa de control parental. Novamente remítovos a ese artigo. Se vos preocupa que o voso fillo ou filla acceda a imaxes, vídeos ou contidos deste tipo, podedes instalar, si, un destes programas. Hainos para ordenadores e tamén para teléfonos móbiles. Pero en ningún momento depositedes toda a responsabilidade nese software.

A única arma eficaz é o diálogo. Antes de que chegue á adolescencia hai que falar co fillo ou a filla sobre o que é exactamente a pornografía, facerlle ver que non é unha mostra real da sexualidade humana. Contade con que a súa curiosidade innata lle fará nalgún momento facer algunha procura deste tipo. E o mesmo que con relación a outras informacións que aparecen en Internet lles facemos ver que non son certas –que circulan moitos contos, moitas mentiras interesadas, moitas informacións parciais–, o mesmo debemos facer coa pornografía. Facerlle entender que a sexualidade non é tal e como se presenta nestes casos. Estimular o seu sentido crítico e facerlle ver o pernicioso dos roles de xénero que habitualmente se adoptan no porno onde case sempre a muller aparece como sometida ao home. E que tratar de imitar o que alí ven pode chegar a provocarlles disfuncións e comportamentos problemáticos.

O sexting.

A elaboración de contidos de tipo erótico por parte dos menores tamén é algo que se debe abordar. O sexting é unha das fontes de produción de pornografía infantil, e por iso tamén hai que facerlles ver os riscos que implica este comportamento. Porque en ocasións os contidos pornográficos aos que acceden circulan precisamente por aplicacións usadas por eles mesmos (WhatsApp, Snapchat, Twitter, Instagram…). Ata antes do despunte das redes sociais existía este comportamento nos menores: mostrar o seu corpo para ser obxecto de recoñecemento entre os seus iguais. Era o que se chamaban os portais narcisistas. Hai tempo xa falamos deste tipo de webs no artigo Narcisismo e exhibicionismo adolescente na Internet.

Educación afectiva.

A psicanalista Teresa Morandi, falando da pornografía, di que “representa a inmediatez, o consumo á carta… É algo carente de afecto e é, xa que logo, un produto moi na liña do que se leva agora: fácil e rápido”. Os pais “non poden ser tan inocentes e pensar que o seu fillo non o fai, que é a excepción”, advirte. “E como todas as drogas que hai na vida, o antídoto, neste caso, non é único, pero si que está comprobado que o enganche é menor cando hai afecto”. A faceta informativa da sexualidade recíbena tamén a través da escola, pero non é dabondo se non se complementa coa educación afectiva, e esta corresponde esencialmente á familia.

Concluíndo: está xustificada a preocupación das familias pola facilidade que se dá en Internet para atopar contidos pornográficos. Pero a solución non está nin en prohibir nin en botar unha rifa ao menor. E tampouco neste caso existen receitas máxicas que nos indiquen que actuando dun determinado xeito garantímonos que o rapaz ou a rapaza non visionarán estes contidos. Só unha combinación acertada e a tempo de varias medidas –desde os programas de control parental, ata o diálogo co menor, pasando pola supervisión– pode dar resultados.

Fotografía superior de Federico Morando

Tu comentario/O teu comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.