Arquivo

Adolescentes y smartphones

Adolescentes e smartphones

Falamos no artigo anterior sobre o uso das aplicacións de mensaxería instantánea nos smartphones. É un dos usos que teñen estes dispositivos, pero non o único, por suposto. A el engádenselle multitude de tarefas que antes se facían a través dun ordenador e outras que son totalmente novas e que veñen propiciadas pola mobilidade e a xeolocalización destes dispositivos.

Cómpre destacar a gran penetración no mercado español dos smartphones. Segundo o informe anual da Fundación Telefónica, “A Sociedade da Información en España” revelado hai uns meses, o 63,2% dos teléfonos móbiles en España son smartphones, co cal se sitúa na cabeza da Unión Europea e entre os primeiros do mundo.

É por iso que os adolescentes contan entre as súas primeiras “necesidades” a posesión dun destes terminais intelixentes. O posuílo é signo de pertenza ao grupo, igual que antes era ter unha conta en Tuenti inda que non tivese a idade legal para facelo, pero como todos os seus amigos e amigas a tiñan…

Un smartphone é moito máis que un teléfono. Atrévome a dicir que ata é máis que un ordenador. E como a maioría dos adolescentes posúen un, é moi recomendable que sexa tema de conversación na familia. Non se trata de regalarlle un destes dispositivos ao menor e que sexa el o que pescude como se manexa. No fondo, moitos pais e nais pensan que os seus fillos e fillas saben manexar estas ferramentas mellor ca eles e por iso non se atreven a dar consellos nin instrucións. E deste xeito os menores aprenderán o seu uso a través dos seus compañeiros ou deixándose levar pola intuición. Non estou seguro de que iso sexa o máis recomendable.

Un exercicio de responsabilidade será darlle unha serie de recomendacións que inda que pensemos que son coñecidas, é moi probable que non sexa así. As mínimas recomendacións son:

  • Instalar un antivirus. Existen antivirus de balde e que, contrariamente ao que se pensa, non teñen porque minorar o uso do terminal. Unha configuración que debe realizarse no antivirus é a de non permitir descargar aplicacións fóra da tenda oficial (Playstore ou Appstore normalmente). Cada vez con máis frecuencia existen páxinas que automaticamente pretenden instalar unha aplicación con software malicioso. O evitalo é unha das principais funcións dos antivirus para smartphones. Pero, ollo, igual que os antivirus para ordenadores, de nada valen si non se usa o sentido común. Se por curiosidade ou por consello de amigos o menor accede a lugares ou a aplicacións que non debe, de pouco valen os antivirus.
  • Configurar a pantalla de bloqueo do terminal. Existen aplicacións, –e ás veces o propio sistema operativo do teléfono ten esta función– que están destinadas a establecer un sistema de seguridade para desbloquear a pantalla. Pode ser un patrón de bloqueo (mediante desprazamento do dedo dun xeito predeterminado), mediante un contrasinal, ou ata por voz ou recoñecemento facial. O de seguridade máis baixa é o patrón mediante desprazamento do dedo. En calquera caso hai que dificultar o acceso directo ao teléfono, xa que normalmente, ademais de gardar contactos ou axenda, almacénanse tamén fotos, documentos e ata se adoitan ter abertas as contas de redes sociais ou de correo, co cal en caso de roubo ou perda, as consecuencias poden ser graves.
  • Moito coidado coas aplicacións que se descargan. En principio deberían ser só as existentes nas tendas de descarga oficiais, pero isto tampouco é garantía. Moitas delas poden abusar dos privilexios que lles damos ao instalalas (xeolocalización ou acceso a contactos por poñer só un exemplo) e poden ata en casos extremos acceder a determinadas carpetas, como a de imaxes, para facerse con elas.
  • Ter anotado o IMEI do teléfono e se é posible gardar a factura da súa compra, datos que serán de utilidade no caso de roubo ou perda do teléfono. O IMEI servirá para que a operadora bloquee o teléfono a petición nosa e a factura axudará á hora de presentar unha denuncia por roubo.
  • Advertirlle da fraxilidade dos datos transmitidos a través de certas redes. Existen programas que poden rastrexar as comunicacións efectuadas nunha rede wifi non segura (cafeterías, redes públicas, etc.). Polo tanto, se hai que transmitir datos sensibles (imaxes ou datos confidenciais) deberá facerse a través do plan persoal de datos e non nunha rede deste tipo.

Estas serían as pautas básicas que un menor debería recibir xunto ao seu flamante smartphone. Por suposto, pautas igualmente válidas para os adultos, porque non é só para menores.

A partir de aquí, os consellos xa repetidos en anteriores ocasións, válidos para calquera tipo de acceso á Rede: precaución coas imaxes que se envían, ollo cos datos confidenciais vertidos na Rede, coidado co tempo que se emprega usando o teléfono…

Non deamos por feito que os menores manexan a tecnoloxía mellor que os adultos. Quizais algúns si, pero teñamos en conta que o manexo dunha ferramenta non presupón o coñecemento do bo uso dela.

Tu comentario/O teu comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.