Arquivo

Trolls

Adolescentes e trolls

Nalgunha ocasión falamos neste blog dos “trolls”, usuarios de servizos de Internet que se dedican a provocar polémica e enfrontamentos na Rede. Se navegamos un pouco, atopámolos en multitude de foros, nas propias redes sociais ou en comentarios vertidos en Youtube, blogs e noticias xornalísticas. Adoitan crear un mal ambiente e provocar reaccións e actitudes extremas no resto de usuarios.

Regular este tipo de actuacións non é un tema sinxelo e as medidas que moitas veces se aconsella adoptar poden afectar a conceptos que neste momento son inseparables de Internet: a liberdade de expresión, a transparencia, a accesibilidade e o dereito ao anonimato. Pero precisamente este halo de anonimato fai que unha persoa que habitualmente non insultaría a un descoñecido na rúa, non teña reparos en facelo en Internet.

Non hai dúbida de que a potencialidade de Internet reside precisamente na posibilidade que abre a todo o mundo de participar en igualdade de condicións. De feito é habitual que confiemos máis nas opinións doutros navegantes que en mensaxes de empresas ou institucións. De aí vén o éxito das webs dedicadas a publicar opinións dos usuarios sobre determinados produtos ou servizos.

Pero a parte negativa é que permitir esta participación tamén posibilita abusos e malos usos desta ferramenta. Unha delas, non a única, é que permite o acceso aos trolls. Polo tanto é un difícil equilibrio e non é de doada solución. É por iso que as redes sociais son cada vez máis remisas ao anonimato e máis proclives a que os usuarios utilicen as súas identidades reais e con frecuencia pechan perfís de individuos que realizan prácticas abusivas.

Polas súas propias características non é difícil que os adolescentes se embarquen nalgún momento nestas prácticas. Normalmente non pasa dun vocabulario inapropiado ou unhas provocacións gratuítas. Pero en ocasións chegan máis lonxe e rozan ou entran de cheo no ciberbullying e no acoso. Ás veces non se dan conta da gravidade das consecuencias do que están facendo e senten que están amparados por un aparente anonimato. Digo “aparente anonimato” porque chegado un punto ninguén é anónimo na Rede. De feito hai uns días saltou aos medios a noticia de que o Tribunal Superior do Reino Unido obriga a Facebook a facilitarlle as IP e datos de acceso de usuarios que usan a Rede para difamar a terceiras persoas. E hai xa máis tempo coñeceuse o caso dun mozo de 25 anos sentenciado a cadea por dedicarse a burlarse de varios adolescentes que se suicidaran ou morreran.

Aos menores hai que inculcarlles que o bo comportamento e as normas de educación e cortesía han de estenderse tamén á Rede. Existen unhas normas de netiqueta básicas á hora de navegar por Internet. Hai que falar con eles e facerlles ver que o que non parece máis que unha “trastada” pode desembocar en algo máis grave ou simplemente ensuciar a Rede e facer que outros usuarios estean incómodos.

Non vexamos por isto a Rede como un medio cheo de perigos e ameazas. Hainas como en calquera outro lugar, pero non é maioría. Precisamente onte vendo os miles e miles de persoas que enchían as praias coruñesas celebrando con cacharelas, comida e bebida a noite de San Xoán, reflexionaba sobre o minoritario dos malos comportamentos desta festa. Habíaos, por suposto, pero non supuñan nin o 1 por cento das persoas que alí estaban. Pero son os que destacan e sobresaen. Pois o mesmo sucede con Internet: hai “malos” pero son unha ínfima cantidade entre os millóns e millóns de usuarios. Conversando e educando aos nosos fillos e fillas lograremos que saiban comportarse adecuadamente eles mesmos e saiban tamén reaccionar ante estas ameazas.

Tu comentario/O teu comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.