Arquivo

delito

Como actuar ante un delito na Rede

Ultimamente están aparecendo nos medios de comunicación moitas novas de accións policiais para frear o envío de fotos e vídeos de contido sexual protagonizados por menores. Os envíos realízanse sobre todo a través de Twitter, pero tamén por medio dos programas de mensaxería de móbiles, WhatsApp e Line. A Policía publica periodicamente avisos advertindo de que a transmisión destes arquivos ou enlaces é constitutivo de delito. E nesta semana estes avisos reforzáronse porque parece que moitas persoas non son conscientes disto. E entre os denunciados pola transmisión destas imaxes encóntranse numerosos menores.

Con todo non é disto do que quero falar hoxe. Voume referir a outro tipo de transmisión de imaxes, con outros fins, pero con resultados igualmente prexudiciais. Falo das persoas que co obxectivo de denunciar a existencia de, por exemplo, unha web con contido pedófilo, non se lles ocorre mellor cousa que publicar o enlace nas redes sociais. Fanno coa idea de que outras persoas denuncien a existencia desa páxina para que a pechen. Como ben advirten os Corpos Policiais, seguramente a intención é boa, pero o resultado da acción non o é, e pode traer consecuencias para os seus autores, é dicir, para as persoas que fan públicos eses enlaces. O feito de publicalos fai que aumente o número de visitas.

Daquela cal é o procedemento a seguir? Pois desde logo denunciar o feito á Policía Nacional ou á Garda Civil, pero sen publicar enlaces en ningures. Se recibes un chío ou unha mensaxe a través de WhatsApp ou calquera outro medio, cun contido susceptible de delito (pornografía infantil, imaxes de abuso a menores, ciberbullying…), debes seguir os seguintes pasos:

  • Non borrar o arquivo susceptible de denuncia. Son probas que poden necesitar os Corpos de Seguridade para chegar aos autores. Por suposto, non difundilos.
  • Comunicalo á Policía Nacional ou á Garda Civil. Ambos Corpos dispoñen de unidades especializadas en delitos telemáticos. A páxina da Policía Nacional para este tipo de comunicacións é http://www.policia.es/colabora.php. A da Garda Civil é http://www.gdt.guardiacivil.es/webgdt/pinformar.php. En calquera dos dous casos non é obrigatorio proporcionar datos persoais.
  • No caso de que o que se queira presentar sexa unha denuncia, pode interpoñerse tamén a través das mesmas páxinas, pero tendo en conta que nese caso si que hai que achegar datos persoais e que necesariamente dentro das 72 horas seguintes haberá que acudir á Comisaría de Policía ou o centro policial ou xudicial que se decida para asinar esa denuncia.

A vixilancia para dispoñer dunha Rede sa é competencia de todos, non só das Forzas de Seguridade. Por iso hai que colaborar por iniciativa propia cando consideremos que estamos ante un delito.

E algo moi importante que moitos pais e nais non teñen en conta. En ocasións son os menores os que están sendo vítimas de determinados delitos: acoso, chantaxe sexual, estafa, suplantación de identidade… Se temos constancia disto, é necesario, imprescindible, que o denunciemos. Non xa informar, senón denunciar, polo ben dos fillos ou fillas e do resto de menores que poidan estar sendo vítimas do mesmo suxeito. Por exemplo, moitos pais e nais non son conscientes de que o feito de que lle rouben a conta de correo da rede social ao seu fillo é un delito. As consecuencias poden ser graves, xa que a través dela acceden a todos os seus contactos e ás imaxes almacenadas propias e de terceiras persoas. Con esta información e estes datos poden facer dano a outras persoas e tamén poden facerse pasar polo menor ao que lle roubaron esa conta. É dicir, a persoa que roubou esa conta, ten nas súas mans un arma que pode ser moi perigosa para moitas persoas. Por iso é importante denunciar o feito. Estaremos contribuíndo a aumentar a seguridade da Rede.

E para estar ao tanto de consellos e de advertencias actualizadas sobre as ameazas delituosas que xorden día a día na Rede, recoméndovos as páxinas e perfís das unidades de delitos telemáticos da Garda Civil e Policía Nacional nas Redes Sociais:

Tu comentario/O teu comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.