Menores en rede

Adolescencia e Internet

O conflito non é Internet: é a adolescencia

Non son moi partidario de relacionar conflito, Internet e adolescencia, pero a realidade é teimuda e ela mesma conecta estes tres termos con moita frecuencia. Programar unha charla ou conferencia sobre os menores e Internet automaticamente trae á mente de pais e nais unha charla sobres os riscos que Internet comporta para os adolescentes: problemas de privacidade, difusión de imaxes, adicción, acoso, chantaxes, ciberbullying… Todos eles termos con carga negativa que se asocian con Internet. Os medios de comunicación tamén achegan o seu baguiño a reforzar esta imaxe dos adolescentes na Rede. Non precisamos estudo estatístico ningún para comprobar que cando salta aos titulares da prensa ou televisión algunha noticia relacionada con Internet e os adolescentes, faino asociada a riscos, delitos e conflitos. Compróboo cada semana, porque persoalmente teño creada unha alerta en Google sobre noticias relacionadas con Internet e menores e o resumo que me chega todos os venres está formado nun 90% por noticias sobre abusos de menores, enganos a través da Rede, aplicacións maliciosas ou perigosas usadas polos adolescentes, problemas con distribución de imaxes…

Efectivamente non son inventos nin son noticias falsas. Pero son millóns os adolescentes que usan Internet día a día, e só unha ínfima parte deses millóns ten problemas serios no uso da Rede. Pódese dicir, por exemplo, que un 21% de menores ten problemas de conduta adictiva en Internet. Pero non sería mellor dicir que un 79% de menores non ten problemas de conduta adictiva en Internet? Os mesmos números, pero con distinta percepción. Porque o habitual é que os adolescentes non teñan problemas graves no seu uso cotián de Internet.

Nas charlas que imparto a pais e nais gústame comezar falando en positivo, porque Internet é algo positivo, unha ferramenta utilísima, cun potencial incrible. E por suposto que tamén falo dos riscos e dos xeitos de minimizalos e previlos.

Non hai dúbida de que como consecuencia das noticias de corte negativo que relacionan Internet e menores, moitos pais e nais constrúen unha imaxe da Rede como un instrumento moi daniño. A partir desta construción, infestada de prexuízos, é lóxico que a relación cos seus fillos e fillas no que incumbe a este tema, vai resultar chea de conflitos.

Cambiar esta idea é algo tan sinxelo como reflexionar sobre un feito que non é nada novidoso: a adolescencia é unha idade conflitiva desde sempre. É a idade en que os menores forxan a súa identidade, a idade en que as súas hormonas están en ebulición, que se producen cambios físicos, a idade na que a opinión dos seus iguais pesa moito máis que a dos seus pais. Ten isto algo que ver con Internet? En absoluto. Todos fomos así. Non hai outro xeito de madurar.

A complicación de Internet nestas idades é consecuencia das propias características da adolescencia –como sinalamos arriba– e do feito frecuente de que moitos mozos e mozas chegan a ela sen formación no uso correcto da Rede.

É por iso que con frecuencia insisto en que os nenos e nenas deben comezar a usar Internet canto antes, pero sempre con control e supervisión paterna. As idades anteriores á adolescencia son as ideais para empezar a educalos no bo uso da Rede, para comezar a explicarlles os riscos asociados, as normas de conduta, para comezar a usar Internet en familia, para crear confianza nos seus pais e nais… E isto comporta unha esixencia de estar ao día, de facer o esforzo para aprender o seu uso, para documentarse, para deste xeito poder ser un referente para os menores. Esperar aos 13 ou 14 anos para que os nenos se inicien no seu uso só pode carrexar máis problemas, porque non serán tan receptivos aos nosos consellos e non estarán dispostos a compartir as súas actividades na Rede connosco. Ademais, se lles prohibimos usar Internet na nosa presenza, podedes dar por seguro de que se iniciaron ás agachadas e, polo tanto, sen ningunha supervisión nin control. Se tiveron problemas no seu uso podedes ter a certeza de que non vos consultaron nada por medo á reprimenda.

E ollo, que non se me interprete mal. O que se inicien no seu uso a idades temperás non quere dicir que deban ter un dispositivo propio. Poden utilizar o smartphone ou a tableta dos seus pais, ou unha de uso familiar. E tampouco quere dicir un consumo indiscriminado, senón baixo unha supervisión, tanto das ferramentas que empregan como do tempo que lle dedican. Usando a coñecida expresión do código civil español –que, por certo, sempre me fixo moita graza– hai que aplicar a “dilixencia propia dun bo pai de familia” e polo tanto preocuparse de coñecer as aplicacións máis populares, as máis educativas, tamén –por que non– as máis atractivas, as normas de conduta na Rede e as precaucións relativas á seguridade e a privacidade. Ah, e tampouco estou dicindo que se lles permita rexistrarse nunha rede social aos 10 anos, por suposto.

Resumindo: achacar a Internet os problemas da adolescencia non é máis que froito dun prexuízo e un descoñecemento do potencial e das posibilidades da Rede. O problema, de existir, débese achacar á propia etapa da adolescencia. Os posibles conflitos derivados do uso de Internet non son máis que un reflexo, como outros moitos, da evolución do adolescente. Por iso mantéñome na crenza de que comezar a usar Internet en idades temperás axuda a previr problemas futuros. E tamén sería moi conveniente que a propia escola, nos seus deseños curriculares, incorporase de xeito efectivo o ensino do manexo de Internet. Pero iso será tema doutro artigo.

Fotografía superior de Nicola

Tu comentario/O teu comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.