Menores en rede

regla 3-6-9-12

Idade de inicio no uso das pantallas: a regra 3-6-9-12

Un tema polémico: a idade de inicio no uso das pantallas. A regra 3-6-9-12 naceu da man de Serge Tisseron, un psiquiatra infantil, psicanalista e investigador da Universidade París Ouest-Nanterre. Con ela trataba de orientar a pais e nais sobre a idade axeitada para iniciarse no uso das TIC. Segundo a formulación orixinal desta regra:

  • Ata os 3 anos convén evitar as pantallas, de calquera tipo, para que o neno ou nena se centre no xogo e o descubrimento da contorna.
  • Ata os 6 anos non deberían usar vídeo consolas porque, segundo el, acaparan toda a atención do pequeno e o privan doutro tipo de actividades.
  • Ata os 9 anos non deben usar Internet, e cando o fan debe ser en compañía dun adulto responsable. Veremos máis abaixo que isto foi revisado.
  • Ata os 12 anos non deben usar Internet sos, inda que a partir desta idade deben facelo con prudencia.

Partindo de que en pedagoxía non hai receitas máxicas, nin regras aplicables a todos os nenos e nenas, porque son persoas con mundos diferentes, contextos diferentes, convén aclarar esta mal chamada regra, ao meu xuízo.

A regra 3-6-12

Trátase en realidade dunha recomendación, adoptada e divulgada pola Asociación Francesa de Pediatría. E inda desde a súa formulación tivo cambios, e agora fálase máis ben da regra 3-6-12, xa que se considera que é impracticable evitar o acceso a Internet antes dos 9 anos.

En Internet atoparedes información sobre ela, pero normalmente se limita a marcar esas catro liñas que arriba se apunta. Pero todo ten os seus matices. Reflexionemos sobre eles.

Ata os 3 anos

Marabíllanos que os pequenos aprendan a manexar unha tableta ou a pantalla dun smartphone antes mesmo de empezar a andar. Pero realmente non ten nada de sorprendente. Estas tecnoloxías son como unha linguaxe, unhas prácticas reguladas que teñen un efecto nos demais e un feedback inmediato sobre o efecto que produce a interacción. Saben que cun movemento de dedos obteñen un agrandamento da imaxe e con outro movemento distinto un pase de pantalla. Evidentemente é un tipo de linguaxe moito máis sinxelo que a lingua oral ou escrita. Non ten por tanto nada de sorprendente que a aprendan en idade moi temperá. E non é malo que aprendan iso desde o berce, porque contribúe a desenvolver e formar o seu cerebro. O problema vén porque ademais deste tipo de estímulos necesita tamén expoñerse ás dimensións do espazo e do tempo e ao uso dos cinco sentidos en toda a súa plenitude. Por iso hai que evitar un abuso de tempo ante as pantallas. Pero non supón en ningún momento que o bebé antes dos 3 anos non poida ter acceso a ningunha pantalla. O que si quere expresar é que de maneira prioritaria se deben estimular os xogos de interacción coa contorna, e que cando se usen pantallas debe ser cun tempo e un uso moi controlado, non como “un chupete electrónico”. Polo tanto, as pantallas non poden substituír de xeito ningún aos xoguetes e os libros.

Dos 3 aos 6 anos

Durante esta etapa, o neno descobre as súas habilidades manuais e sensoriais. Pode xa ver televisión e comezar a xogar coas pantallas, pero segundo Tisseron, non deberían ter aínda a súa propia vídeo consola. E tampouco é recomendable ter un televisor no seu cuarto. O uso da televisión debe ser controlado, tanto en contidos como en tempo. Con frecuencia acúsase a Internet de moitos contidos perniciosos e ás veces descoidamos os contidos televisivos que son, en ocasións, tanto ou máis prexudiciais que os de Internet. Por iso hai que tomarse moi en serio as cualificacións de idade dos programas de televisión, das películas e as clasificacións PEGI dos videoxogos.

Unha boa práctica nesta franxa de idade é, logo de ver algún programa na televisión, falar con el ou ela para comentar o que viu, para que nolo conte. É unha forma de desenvolver a súa capacidade narrativa ademais da visual.

Dos 6 aos 12 anos

É a idade na que poden xa iniciarse en Internet, pero sempre con control. Non é momento aínda para que naveguen sos nin para, en xeral, que teñan o seu propio teléfono móbil. O cal non quere dicir que non poidan usar un smartphone, pero o meu consello é que non sexa da súa propiedade. E “non navegar sos” tampouco quere dicir que a súa nai ou o seu pai estea detrás observando todo o que fai.

Esta franxa de idade é a ideal para comezar a dar aos poucos responsabilidade ao neno ou nena para facer un bo uso da rede. Acompañaráselle con consellos, con recomendacións, con actividades conxuntas en familia en torno á rede (como vimos no artigo de As redes sociais en familia desta mesma web) e limitarase o seu tempo de uso, as aplicacións que utiliza e, por suposto, o seu acceso ás redes sociais.

É tamén a idade na que se lles debe educar no discernimento do verdadeiro e falso en Internet, no uso da privacidade e na construción da súa e-reputación.

A partir dos 12 anos

Nesta idade dáse o paso da educación primaria á secundaria. Se se seguiu nas etapas anteriores unha educación dixital axeitada, será o momento en que o menor poida xa ter o seu propio smartphone, porque xa ten máis autonomía e quizais o use para certas actividades mesmo escolares. Pero remarco: non é unha norma fixa, e todo dependerá do contexto, do menor, da familia, e de moitos condicionantes máis. Todo é a título orientativo. Quizais nalgúns casos poida ser apropiado darlles o seu primeiro smartphone aos 10 anos, se certas circunstancias así o aconsellan. Pero é importante recalcarlle que non se trata dun xoguete, senón dun instrumento de comunicación. Polo tanto, o seu uso ha de estar moi supervisado polos seus pais.

E a tecnoloxía evoluciona rapidamente…

Se falaramos de todo isto hai 10 anos, seguro que nos refeririamos a franxas de idade distintas e de usos distintos. E así será dentro doutros tantos anos, porque a velocidade á que evoluciona a tecnoloxía e a súa cada vez maior presenza fai que resulte moi difícil, senón imposible, establecer regras ríxidas ou pautas fiables a seguir.

Pero o que seguro que non cambia é a necesidade dunha educación dixital dos pequenos desde o primeiro ano. O problema é que unha gran parte dos adultos non posúe as habilidades dixitais suficientes para servir de guía para os pequenos. Como ben di a doutora en educación Mónica Eva Pini, “o lugar do adulto está en crise e se naturalizouse que os cativos, por ser cativos, ‘saben todo’ sobre as novas tecnoloxías. Pero os supostos ‘nativos dixitais’ aínda necesitan dos pais e dos docentes para que lles ensinen criterios de selección, hábitos de razoamento, traballo e análise, formas de argumentación, de interpretación e lectura crítica”, entre outras habilidades imprescindibles para o século XXI.

Así pois, non nos obsesionemos tanto en idades, regras e normas, e centrémonos máis na nosa propia aprendizaxe, como nais, pais e docentes, para poder servir de guía aos nosos fillos e fillas. Por moito que evolucionen as tecnoloxías, esta será a única medida que seguirá prevalecendo sempre.

Tu comentario/O teu comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.