Arquivo

Ciberbaiting

O ciberbaiting ou acoso a profesores

Estes días a Policía emitiu un comunicado onde informa do incremento das detencións por inxurias, ameazas e delitos contra a intimidade na Rede, o triplo que en 2011. O aumento do uso de smartphones e o maior acceso da poboación a Internet, posibilitou estas prácticas. “Supostos chismes que non son inofensivos e si inxurias graves, afirmacións contra o honor, imputación de delitos a outras persoas que non se cometeron (calumnias), intromisións na intimidade das persoas desvelando aspectos -certos ou non- do seu ámbito privado ou dano grave e intencionado á imaxe doutras persoas con difusión son ilícitos tipificados no Código Penal”. Isto é o que nos di a Policía no seu comunicado. E habería que engadir que moitos dos autores destes comportamentos son menores, que non son conscientes do alcance deste tipo de actuacións. Para moitos deles o acoso a través de Internet é unha simple trasnada. Si a este descoñecemento das consecuencias legais, se lle engade unha actitude irreflexiva á hora de usar as Redes, temos un cóctel explosivo.

Os menores, e os adultos, acceden cada vez máis a Internet a través dos smartphones. Isto é unha facilidade máis para un comportamento incorrecto na Rede. Se antes para subir unha foto había que tomala cunha cámara dixital, chegar á casa, conectar a cámara ao ordenador, descargala, conectarse a unha rede social e colgala, na actualidade basta pouco máis que un par de pulsacións de tecla no teléfono móbil para que esa imaxe estea circulando pola Rede. Para ben e para mal. De aí veñen moitos comportamentos de acoso e cyberbullying. Disto falamos con frecuencia neste blog.

Pero nesta ocasión quero referirme a unha forma especial de acoso: o “ciberbaiting”. Consiste en provocar aos profesores, ata que perden o control, para logo gravar esas reaccións en vídeo e subilas á Rede, para humillalos deste xeito. É dicir, algo similar ao ciberbullying pero en lugar de ser outro menor o acosado, é o profesor ou profesora. Búrlanse dalgún defecto ou característica física ou das súas reaccións para despois ridiculizalos nas redes sociais. E isto, como indicamos máis arriba, son atentados ao honor, ou ameazas, ou inxurias, e todo iso está tipificado no código penal. E a diferenza doutros tipos de acoso, no que existe un aparente anonimato, este comportamento sucede sempre dentro do ámbito escolar, co que é máis doado identificar e localizar aos seus autores.

Un de cada cinco profesores, segundo o informe de Norton Online Family, experimentou nalgunha ocasión este problema ou coñece persoalmente a alguén que o sufriu. Ás veces este problema vén derivado da relación entre profesores e alumnos a través das redes sociais, e un 67% dos educadores recoñece que existe ese risco e malia iso un terzo continúa sendo “amigo” dos seus alumnos. Algo para reflexionar, do mesmo xeito que os códigos de conduta que teñen (ou que non teñen) os centros educativos para regular o uso das redes sociais no contexto escolar.

Para atallar este problema é necesaria a educación para ensinar a manexar as ferramentas sociais en Internet desde unha dobre vía: desde o propio centro escolar e desde a familia. Vanessa Van Petten, autora da páxina “Radical Parenting”, afirma que os menores “necesitan pais, profesores e outros modelos de conduta que lles axuden a descubrir cara a onde ir, que dicir, como actuar e máis importante aínda, como non actuar. Situacións negativas online poden ter repercusións no mundo real: desde acoso ata perda de cartos en fraudes onde se proporciona información persoal” (Internet Safety for Kids).

Resumindo: á hora de falar da seguridade dos menores en Internet, non debemos centrarnos só en protexelos de ameazas de terceiros, senón tamén deles mesmos, mostrándolles os riscos de comportamentos do tipo que acabamos de comentar. É dicir, informar e educar. Pero para iso, como indicaba Vanessa Van Petten, é necesario que conten con modelos a seguir e a onde recorrer en caso de necesitar axuda. É dicir, nais, pais e educadores deben facer o esforzo de informarse e formarse tamén. Non hai outro camiño. Non pensemos en lexislacións controladoras ou represoras ou que as institucións fagan o traballo por nós.

Tu comentario/O teu comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.