Para os maiores

El IVA en España

O hoax do IVE en España

O hoax do IVE en España é un dos que máis está circulando en tempos de convulsión política e máis que seguirá circulando nestes meses preelectorais.

Dou por feito que sabedes que se coñece co termo de hoax (da palabra inglesa que significa engano, broma) aos contos que circulan por Internet, especialmente nas redes sociais. E son abundantes, pódovolo asegurar. Uns máis inocentes que outros, algúns cargados con verdadeira intencionalidade.

É curioso que nos tempos en que se fala tanto da forza das redes sociais para superar a manipulación e a censura dos medios de comunicación tradicionais, sexan as propias redes sociais o instrumento de propagación de mentiras, moitas veces malintencionadas.

O feito de dar por sentado que grazas ás redes sociais temos unha información máis veraz e menos manipulable, fai que en ocasións nos desprendamos do sentido crítico e creamos –e o que é peor, difundamos– moitas noticias e enlaces que non foron contrastados fielmente.

Entendo que nesta época que se está vivindo, de aparición de novas correntes políticas, de revisións do sistema establecido, de casos de corrupción, etc., sexamos proclives a crer certas informacións que nos chegan. Sobre todo cando favorecen aos nosos desexos. Pero o sentido crítico ha de manterse aínda que a información non nos agrade tanto como desexamos.

Por se non o coñecedes, o hoax que está circulando é este que reproduzo aí arriba, e que di:

O IVE en España para Porno e Iates de luxo dun 4%.

O IVE en España para as Touradas, Obras de Arte e/ou Flores dun 10%.

O IVE en España para a Cultura, Produtos Sanitarios, Luz, Gas, Teléfono dun 21%.

Con investigar un pouquiño na Rede darémonos conta de que non é unha información exacta. O IVE sanitario subiuse este ano do 10 ao 21%, para certos produtos, agás os relacionados coa discapacidade, que se manteñen no 10% e os medicamentos para o consumidor final. Esta subida é consecuencia non da decisión do goberno de España senón dunha sentenza do Tribunal de Xustiza da UE que obriga ao estado neste sentido.

Pola súa banda, os libros, xornais e revistas teñen un IVE superreducido do 4%, mesmo se o libro ou a revista é de pornografía. Co cine ocorre o mesmo: un DVD ou un espectáculo cinematográfico ten un 21% de IVE, sexa porno ou drama. Polo tanto, conclúese que non é certo que o porno tribute ao 4% de IVE, porque non existe un IVE específico para o porno: o que se grava é o soporte (se é libro un 4%, se é cine un 21%).

E inda que á maioría dos mortais xa non nos afecte tanto isto outro, o IVE dos iates de luxo segue sendo o 21%. O que si se eliminou foi o imposto á primeira matriculación de iates de aluguer, para evitar a deslocalización de empresas que empregan este tipo de embarcacións.

Resumindo, para este e outros contos que circulan polas redes sociais: antes de difundir nada e compartilo, verificade se realmente é certo. Doutro xeito o que facemos é contribuír á manipulación informativa na Rede. Xa coñecedes esa frase atribuída a Göbbels, de que unha mentira repetida mil veces convértese nunha verdade.

É o que teñen as redes sociais: a súa facilidade para difundir e para atribuír “likes” fai que moitas veces non nos paremos a reflexionar. Internet acelera todo, si, é verdade, pero non deixemos que esa celeridade nubre o noso sentido crítico. E moito máis cando hai que dar exemplo a esas xeracións que veñen detrás. Que dirá un adolescente que ve ao seu pai ou a súa nai difundir noticias falsas na Rede?

Tu comentario/O teu comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.