Menores en rede

La familia como control parental

A familia como primeiro programa de control parental

Que a familia sexa o primeiro programa de control parental pode resultar de entrada lóxico. E con todo moitas veces a familia prefire delegar ese control en software específico, programas que suplen –de xeito pouco efectivo– o traballo que deben realizar nais e pais.

Enténdase que non pretendo discutir a conveniencia ou non dos programas de control parental, que en determinadas circunstancias –como explicarei máis abaixo– poden chegar a ser necesarios. O que si discuto é que adopten o papel de primeira barreira.

Os programas de control parental son ferramentas que poden chegar a ser moi útiles, pero inicialmente non me gusta recomendalas. E iso malia que nas charlas impartidas a nais e pais pregúntanme con frecuencia sobre estes programas, cales existen, cales son máis efectivos ou como se configuran. A razón de que non me incline a falar demasiado sobre eles é que moitos pais e nais substitúen o necesario control e a supervisión que deben realizar sobre a actividade dos seus fillos en Internet por estas ferramentas. E non son ferramentas de substitución, senón complementarias. O mellor control parental é o que realizan precisamente os pais e as nais. Depositar esta responsabilidade exclusivamente nun programa é algo contraproducente. E é certo que hai programas moi configurables, moi flexibles e con moitas funcionalidades, pero non deixan de ser iso: programas, software.

Non é a primeira vez que falo nesta web da importancia de educar aos menores no bo uso da rede a través do diálogo en familia. Remítome ao artigo no que se trata deste tema con máis profundidade. Se esta educación en familia se leva axeitadamente, con tempo e a tempo, os problemas que poden xurdir redúcense considerablemente e podo asegurar que os programas de control parental practicamente non serán necesarios. Non cumprir cos “deberes”, non preocuparse por formarse nas ferramentas da rede –estou falando de nais e pais– e non facer o esforzo de compartir momentos co fillo ou filla menor, preadolescente, conduce a problemas seguros. De maior ou menor envergadura, pero os problemas aparecerán.

Quere dicir isto que os programas de control parental son inútiles? Non, por suposto que non. En determinadas circunstancias poden axudar ao labor parental. A educación non é unha fórmula matemática e son moitos os factores que inflúen na educación do menor. E por moita preocupación e dedicación que poña a familia pode darse o caso de que o neno ou nena, por mor de diversos factores, desenvolva unha conduta non axeitada no uso das tecnoloxías. É entón cando podemos e debemos facer uso destas ferramentas, pero simultaneamente coa intervención directa pola nosa banda.

Tamén son ferramentas totalmente necesarias cando se chega a situacións que se desbordan e que nos fan chegar a saber que o preadolescente ou adolescente está usando de forma temeraria as ferramentas de acceso a Internet ou que está tendo problemas no seu uso (adicción, contactos indesexados, acoso, acceso continuo a contidos non recomendables). Nestes casos si que pode ser totalmente necesaria a instalación dalgún destes programas para evitar males maiores e para chegar a identificar o problema que están tendo.

Para que son útiles as ferramentas de control parental? Basicamente todas elas desenvolven as seguintes funcións:

  • Control do tempo de uso da rede por parte do menor. O programa bloqueará o acceso a Internet nas franxas horarias que fixemos. O ideal é que a determinación destas franxas horarias se faga, na medida do posible, en consenso co menor. De calquera xeito, teñamos en conta que o menor pode acceder desde outros dispositivos ou lugares.
  • Bloqueo de aplicacións. Impide que se descarguen ou se usen determinadas aplicacións. Tamén pode bloquear o acceso á configuración do equipo, sobre todo para o caso de que accedan cun ordenador ou smartphone que non é propio del, senón da súa nai ou o seu pai.
  • Filtrado de contidos da rede. Pode facerse ben por palabras ou ben por temáticas. Ningún sistema adoita ser efectivo ao cento por cento nesta opción e pode bloquear accesos sen perigo ou pola contra permitir o acceso a contidos inapropiados. Tamén se pode configurar para bloquear determinados sitios web.
  • Monitorización do uso que fai do equipo. Moitos programas proporciónannos, mediante o envío de informes e alertas, información sobre as buscas que realizan, os servizos que usan ou cando intentan forzar algunhas das restricións do programa de control parental.

Existen moitos programas deste tipo. Algúns son exclusivos para smartphones, outros veñen incluídos en programas antivirus, outros son proporcionados polas compañías que proporcionan o acceso á rede, outros veñen integrados nos sistemas operativos… Dependendo do equipo que use o menor, os parámetros que máis nos interese monitorizar ou bloquear ou ata o orzamento que esteamos dispostos a gastar (hai programas que son de pago), interesaranos máis un ou outro. Dalgúns deles falaremos nun próximo artigo. Pero agora quedémonos con esta reflexión: que os programas de control parental non sirvan como escusa para desprazar a nosa responsabilidade educativa como pais e nais. Responsabilidade que nos tempos actuais incumbe moi especialmente ao manexo das tecnoloxías da información e a comunicación. Quen dixo que ser pai ou nai fose fácil?

Fotografía superior de Ministerio TIC Colombia

Tu comentario/O teu comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.