Menores en rede

Fotografías de menores en centros escolares

Fotografías de menores en centros escolares

O caso da detención do suposto pederasta de Valencia que saíu á luz no día de onte, puxo sobre a mesa, unha vez máis, o delicado asunto das fotografías de menores en centros escolares. Non é a acusación máis grave que ten este suxeito –que se facía chamar Juanri en Internet–, que como é público xa, se presentaba en centros escolares privados e concertados de toda España e algúns outros estados, como asesor educativo. O máis grave é que se aproveitaba desta circunstancia –que lle permitía unha maior proximidade aos menores– para supostamente cometer abusos sexuais. Tiña un blog, unha conta de Twitter e unha canle de Youtube. E dá arrepíos ler as acusacións que pesan sobre esta persoa e ao mesmo tempo velo rodeado de centos de nenos e nenas de moitísimos colexios. E aí é onde quero entrar.

Non se entende moi ben, cos datos que se coñecen, como é posible que puidese dispoñer da imaxe de tantos centos de menores nas súas canles (blog e Youtube). É probable que case todos, se non todos, os centros tiñan algún tipo de permiso para usar fotografías dos menores nas súas canles internas (a web, publicacións do centro, etc.) Pero ese permiso, en caso de existir, non é subrogable, é dicir, non se estende ás canles de terceiros como é este caso. Dubido moito que en todos os casos se pedira un permiso expreso para usar a imaxe dos pequenos publicamente na web e os vídeos deste suxeito. De feito, xa xorden denuncias de pais e nais –algúns levaban xa tempo protestando por isto– por ese uso sen consentimento.

O antes e despois da fotografía

O tema da fotografía dos menores é algo que cada pouco levanta algún escándalo, algunha denuncia ou algunha protesta. Porque a fotografía, na época dixital, revolucionou en todos os sentidos. E explícoo:

Antes de era dixital, pais e nais tiraban fotos dos seus fillos, por suposto, pero eran fotos que había que revelar e que se mostraban na contorna máis inmediata. Non se tomaban moitas fotos porque había unha limitación física, o carrete, que comportaba tamén un custo económico. Agora, pais e nais toman fotos que xa non se mostran, senón que se regalan. Porque o costume de colgalas en redes sociais dá a facilidade de que calquera persoa poida descargalas e usalas para o que desexe, legal ou ilegalmente. A isto engádeselle o aumento numérico das fotos que se toman. Xa non son decenas, senón centos e milleiros de fotos, o que leva en moitas ocasións a unha sobreexposición da imaxe dos menores.

Imaxe dos menores nos centros educativos

No que aquí nos incumbe, que é a imaxe dos menores nos centros de ensino, hai que deixar ben claro, primeiramente, que as súas fotos se consideran de carácter persoal, xa que o artigo 5.1 do Regulamento de desenvolvemento da Lei Orgánica de Protección de Datos especifica que é de carácter persoal calquera información numérica, alfabética, gráfica, fotográfica, acústica ou de calquera outro tipo concernente a persoas físicas identificadas ou identificables. En consecuencia, a toma de fotos constitúe un tratamento de datos persoais, polo cal esixe o consentimento do interesado para o tratamento ou cesión deses datos. E no caso dos menores de 14 anos, quen debe outorgar ese consentimento? Pois o artigo 13 do mesmo Regulamento déixao ben claro:

Poderá procederse ao tratamento dos datos dos maiores de catorce anos co seu consentimento, salvo naqueles casos nos que a Lei esixa para a súa prestación a asistencia dos titulares da patria potestade ou tutela. No caso dos menores de catorce anos requirirase o consentimento dos pais ou titores.

Así pois, a publicación de fotos de menores de 14 anos nunha publicación do centro escolar ou na súa web, esixe o consentimento explícito dos seus pais ou titores. E ese consentimento referirase a un fin concreto, como é o seu uso na web ou outra publicación. Non é unha autorización para que o centro escolar use as fotos como queira. Como exemplo, para entendelo mellor: se cedemos os nosos datos a un centro comercial para que nos concedan una tarxeta de cliente, non lles estamos autorizando a que regalen ou vendan eses datos a terceiras persoas ou a outras entidades, salvo que o fagan constar e nós o autoricemos.

Fotografías de menores en actos e festivais escolares

En moitas ocasións preséntanse conflitos cando o centro escolar prohibe a familiares tomar fotos do alumnado durante festivais ou celebracións escolares. Nestes casos considérase que estes actos son públicos e que autorizando a participación do menor se considera que en certa maneira tamén presta a súa imaxe. A Fiscalía Xeral do Estado na súa instrución 2/2006, de 15 de marzo, di que:

Tampouco debe incorrerse en extremismos inxustificados. Ha de partirse de que tanto os menores como os medios de comunicación forman parte da sociedade e da vida ordinaria, e de que a especial tutela do honor, intimidade e imaxe dos menores non implica a expulsión destes dos medios. Ata deben admitirse supostos para os que non sexan necesarios nin consentimentos nin autorizacións, cando a afectación aos dereitos sexa irrelevante se, de acordo cos usos sociais, a emisión da imaxe ou certos datos do menor pode considerarse totalmente inocua para os seus intereses.

O problema vén cando algún pai ou nai, por algunha razón, se nega a dar o consentimento para que se tomen e publiquen fotos dos seus fillos. É unha decisión individual que afecta ao resto de alumnado. Ante isto, os centros escolares optan por dúas solucións: ou ben prohibir calquera reportaxe por parte de particulares, ou excluír ao menor das actividades onde quede exposto. Tanto unha como outra, son difíciles de cumprir, hai que recoñecelo. No caso de festivais, prohibir a pais e nais (ou compañeiros dos propios alumnos) o uso dos seus móbiles para tomar fotos, seguramente creará problemas. Unha solución –non totalmente do gusto de todos– é que o propio centro escolar se encargue da reportaxe, evitando tomas do alumno ou alumna excluído. Noutros casos adoptan como solución que sexa ese mesmo alumno ou alumna quen realice esa reportaxe, co cal en certa maneira se integra na celebración (polo menos moito máis que se é excluído, por suposto).

En Galicia, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dispón dun protocolo de de protección de datos, no que se refire expresamente ás imaxes e gravacións captadas polos proxenitores en actos e festivais dos centros, e di que se entende “que se trata dunha imaxe que se obtén para un ficheiro familiar, excluído do ámbito de aplicación da Lei orgánica 15/1999, polo que é responsabilidade da persoa que obtivo as ditas imaxes a súa correcta utilización, é dicir, o feito de que non resulte de aplicación a Lei orgánica 15/1999 non ten que ver co posterior uso que se faga destas imaxes, que debe respectar o establecido na Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor“.

Excesiva confianza dos centros educativos?

Volvendo ao caso do suposto pederasta ingresado hoxe mesmo na prisión de Picassent, parece que houbo unha neglixencia por parte dos centros escolares ao permitir a toma de tantas imaxes do mesmo acompañado dos menores, perfectamente identificables, e a súa posterior publicación no seu blog e canle de Youtube. É difícil que os centros educativos aleguen ignorancia porque tanto blog como vídeos eran públicos e coñecidos. E non se entende moi ben que pode haber detrás desta persoa para ser recibida nos centros escolares dese xeito cando, segundo informan, era un estudante de maxisterio de 25 anos. En calquera caso, é seguro que nos próximos días haberá un torrente de denuncias por parte de pais e nais ao ver as imaxes dos seus fillos con esta persoa e que, probablemente en moitos casos, ignoraban que fosen públicas.

Con respecto ao tema da imaxe dos menores en Internet, remítovos a un artigo desta mesma web publicado hai algún tempo.

Fotografía superior de University Unions Technology and Design

Tu comentario/O teu comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.