Google é Deus?
Google é Deus porque todo o sabe. Parece esaxerado, pero non creades que o é tanto. Os que levades uns anos nisto de Internet lembraredes a época en que non era Google o buscador máis usado, senón que había unha competencia entre varios (Yahoo, Altavista, Lycos, Ozú, Ask, Excite, Hispavista, Olé, Terra e outros moitos). Nos primeiros tempos máis que buscadores como os entendemos hoxe en día eran directorios. Co tempo foi Google quen se impuxo e inda que moitos dos competidores seguen existindo, non chegan a facerlle nin sombra.
Google soubo evolucionar e ampliar os seus servizos, non limitándose a ser só un buscador. De feito hoxe contamos con Google para unha boa cantidade das accións que realizamos en Internet. Usamos o seu correo (Gmail), os seus mapas (Google Maps), o seu sistema operativo nos móbiles Android, o seu almacenamento na nube (Drive), a súa tenda de aplicacións, libros e música (Google Play), o seu servizo de vídeos (Youtube), a súa rede social (Google+), os seus programas ofimáticos (Google Docs)… e non remataría aí a lista. En fin, toda unha serie de ferramentas DE BALDE (inda que algunhas delas ofrezan máis prestacións a cambio dun pago). Pero non vos estraña que todo sexa gratis? É Google unha ONG ou unha empresa? Efectivamente: non pagamos cos nosos cartos senón cos nosos datos. Consentimos que usen os nosos datos a cambio de ofrecernos os seus servizos.
Agora pídovos que cambiedes o chip e non identifiquedes datos só con “datos persoais” referidos a nome, enderezo, documento de identidade, teléfono… Ampliade ese concepto aos nosos hábitos. Si, Google controla os nosos hábitos cotiáns. E vouvos dar uns cantos enlaces para que vexades na práctica o que Google controla de cada un. Para facer estar proba, entrade na vosa conta de Google (ou de Gmail, que é o mesmo), e comezade a probar estes enlaces que vos deixo.
- A vosa información persoal
Se usades habitualmente o buscador de Google, este garda toda a información persoal vosa, os vosos intereses e as procuras que fixestes día por día, mesmo hora por hora.
- Os vosos desprazamentos cotiáns
Si tendes un smartphone con Android, é moi probable que estea rexistrando os percorridos que facedes cada día, e que grazas a iso tamén saiba cal é o voso sitio habitual de residencia (onde el percibe que pasades as noites) e o voso lugar de traballo (a onde vos desprazades acotío en horario laboral). Probade o enlace e seguramente veredes sobre un mapa todos os vosos percorridos día a día.
https://maps.google.com/locationhistory
- Os equipos que usades
Se vos conectades desde diferentes sitios, sabede que Google leva rexistro dos equipos que usades e cando.
https://security.google.com/settings/security/activity
Fixádevos o transparentes que somos para Google. E fixádevos o valor económico de todos estes datos simplemente a efectos publicitarios.
Téndeo en conta á hora de usar servizos supostamente gratuítos en Internet. Por exemplo, se estades rexistrados en Facebook non vos creades que ten moita menos información que Google. A partir do que publicades, os “likes” que facedes, os grupos aos que vos sumades, os contactos que tendes, as horas a que vos conectades, o dispositivo desde o que o facedes e outra infinidade de datos que, sen darvos conta, estades proporcionando á rede social, Facebook elabora un perfil utilísimo para os seus fins publicitarios.
E non, as compañías con certo peso (e estamos falando de Facebook e Google) non trafica cos nosos datos, inda que si ofrece os seus servizos a anunciantes para filtrar os seus anuncios en base aos datos de que dispoñen. Pero non é certo que lles traspasen os nosos datos directamente a eses anunciantes. Caso diferente poden ser outras empresas con non tanta solvencia.
Así que sabede que o gratis non é tan gratis, e valoremos se perder esta parte da nosa intimidade compensa.
Fotografía superior de Peterjon Smith