Para os maiores

Google y Facebook me espían

Google e Facebook espíanme… que medo!

Google e Facebook me espían… e por suposto, como son moi intelixente, máis que Google, Facebook e a CIA xuntos, vou adoptar estratexias para que non me poidan controlar. Este é o razoamento de moitos usuarios habituais de Internet. E en consecuencia adoptan medidas “tan radicais” como desactivar o GPS no seu móbil, usar a navegación anónima nos navegadores, quitar a opción de xeolocalización nas redes sociais e unha chea de medidas máis que, si, están moi ben, pero que ás veces rozan a paranoia máis absurda. Explicareime.

Naturalmente que Google e Facebook nos espían cando navegamos pola Rede. E non só eles. Amazon, El Corte Inglés, TripAdvisor, FNAC, Skyscanner e todos os servizos que usamos en Internet. Fano, a maioría deles, a través das cookies, eses diminutos arquivos que se instalan no noso navegador cando visitamos un destes sitios, e que recorda as nosas preferencias, o que vimos dentro da súa web e algúns datos máis.

Se queremos navegar en Internet sen que ninguén nos siga o rastro, temos que facernos á idea de renunciar a unha chea de servizos que estamos usando día a día e que, inxenuos de nós, pensamos que son de balde e que as empresas son ONGs entregadas a facer máis feliz a vida dos internautas.

Pero o curioso é que moitas desas persoas que adoptan as medidas que comentei ao principio, logo non se privan de subir a Facebook un vídeo do seu fillo ou filla pequena facendo monerías ante a cámara, ou adherirse a unha campaña de recollida de firmas en Internet contra algunha decisión política, ou pinchar nun enlace “apetitoso” deses que espertan a curiosidade malsá nas redes sociais. É dicir, lémbranme a esas persoas que din estar a dieta e toman sacarina co café pero non renuncian a unha boa sobremesa ou unha boa copa para alternar cos amigos.

As redes sociais contrólannos máis do que pensamos. E fano con detalles tan aparentemente intranscendentes como saber canto tempo paramos a ler un post en Facebook, a que persoas seguimos, onde poñemos os nosos “like”, e unha chea de detalles que poden parecer inocuos, pero que cruzados e a través de potentes cálculos din moito de nós, máis do que queremos contar. Para facernos unha idea, como exemplo ilustrativo, deuse o caso dunha antiga rede social británica que a través das interaccións dos seus usuarios lograra establecer un patrón de comportamento sexual, non xa deses usuarios, senón dos seus amigos que non estaban nesa rede.

Iso si, non caiamos na paranoia. Por moi importantes que nos creamos, non somos nada –como persoas– para Facebook ou para Google. Para nada lles interesa o que fagamos ou nos guste de forma individual. O que eles buscan son números, cifras, estatísticas. Interesámoslles na medida en que formamos parte dun grupo. E como grupo si que somos apetecibles para unha empresa que quere facer negocio. Pero claro, tanta película e serie estilo “Homeland” fainos pensar que nalgún edificio de Palo Alto, alá en California, hai unha sala chea de monitores de televisión onde nos están vendo día a día, momento a momento, o que estamos falando, o que estamos facendo… Non somos tan importantes, non.

Fagámonos á idea. Se usamos Internet, e tendo en conta que en Internet case todo é “gratis” –monetariamente falando– dalgún xeito estannos cobrando, porque todas estas grandes compañías teñen moito diñeiro, e dalgún lado sae. E é precisamente dos nosos datos como colectivo. Os nosos persoais, como individuo, non valen nada, pero si se os sumamos a unha masa.

Polo tanto, se queremos seguir usando eses servizos –redes sociais, buscadores, tendas online, sitios de ofertas– sexamos conscientes deste feito e centrémonos máis noutras “alimarias” que circulan na Rede e ás que si lles pode interesar a nosa intimidade: coidado con esas fotos que os rapaces ou nós mesmos colgamos nas redes sociais, coidado cos datos persoais –teléfono, dirección– que engadimos aos nosos perfís, coidado coas aplicacións que instalamos –nós ou os nosos menores– nos teléfonos e coidado coas amizades que incluímos nos nosos contactos (aviso non só para os menores: tamén os adultos corren ese perigo). E moitas cousas máis das que falamos sempre neste blog. Eses si que son perigos reais en Internet. A sacarina pode estar ben, pero de nada vale se descoidamos o resto dos nosos hábitos.

Fotografía superior de Poster Boy

Tu comentario/O teu comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.