Para os maiores

grupos de whatsapp de padres y madres

Os problemas do grupo de WhatsApp de pais e nais de clase

Posiblemente moitas persoas que estades lendo este artigo participedes nun grupo de WhatsApp de papás e mamás de clase. Así que pode servos de interese o reflexionar un pouco sobre o seu funcionamento.

Se seguides habitualmente os artigos que aquí publicamos, sabedes que sempre recalcamos a importancia de que nais e pais se formen no bo uso das redes sociais e demais ferramentas de Internet. Se non é así, os seus fillos e fillas carecerán dun referente ao que dirixirse en caso de problemas ou dúbidas. E non é pouco, porque Internet ocupa hoxe unha gran parte das súas vidas, en cantidade e calidade.

Evidentemente, se non sabemos usar ou usamos mal as ferramentas que emprega a xente nova, mal exemplo imos dar. E aínda que nesta web advertimos dos perigos do mal uso das redes sociais que poden facer os menores, non hai que perder de vista que son tamén as persoas adultas as que habitualmente cometen moitos erros ao utilizalas.

Un dos exemplos máis claros é o uso do WhatsApp. Como ben sabedes, o que no seu día naceu como unha ferramenta de mensaxería instantánea a través dos teléfonos móbiles, hoxe ten xa categoría de rede social grazas á capacidade para crear grupos onde os seus integrantes poden conversar, intercambiar imaxes e vídeos, documentos, contactos, etc.

E como diciamos ao principio, co curso xa comezado, seguramente moitos e moitas dos que estades lendo este artigo participades en grupos de WhatsApp de pais e/ou nais do colexio. Son eses grupos que se forman espontaneamente para intercambiar mensaxes as nais e/ou pais dunha clase. Algo que de entrada é moi útil… sempre que se use con mesura e con sentido común.

Vouvos refrescar algúns dos problemas que presentan este tipo de grupos. Emprego o termo “refrescar” porque seguramente padecestes, senón todos, si unha boa parte deles. E son problemas que se estenden tamén a outros grupos de WhatsApp (amigos, compañeiros de traballo, asistentes a un curso, etc.). Invítovos a ir lendo a descrición de cada problema e ir marcando os que “sufristes”. A ver cal é o resultado final.

As murmuracións e rumores. É algo consubstancial ao ser humano. Que tire a primeira pedra aquel ou aquela que nunca se deixou levar por algunha rexouba. Un estudo da universidade de Oxford di que pasamos o 65% do noso tempo (aínda que non usemos Internet) falando de cousas dos demais. Pero converter a un grupo que ten unha utilidade moi concreta e práctica nunha extensión das cubilladas do día a día pode chegar a ser perigoso. Pensemos que estamos usando un medio escrito, e as palabras neste caso “non as leva o vento”. Non sería o primeiro caso en que esas rexoubas saen á luz pública e crean problemas, ás veces ata de índole xudicial. Á parte de que pouco achegan á finalidade para a que se crean os grupos.

Difundir contos. Se seguides nas redes sociais as contas da Policía, veredes que constantemente emiten avisos desmentindo fábulas do tipo de “caramelos que reparten á porta do colexio e que teñen droga”, ou “delincuentes que enganan e secuestran aos nenos ao saír”, ou mensaxes similares. Avisámolo constantemente: non todo o que circula por Internet é certo, e debemos contrastar calquera información que vexamos antes de difundila. Na maioría dos casos son avisos falsos. Así que non potenciemos a súa difusión mediante os grupos de WhatsApp.

As críticas ao profesorado. Hai profesorado mellor e peor, igual que hai pais e nais mellores e peores. Todos somos mellorables. Usar o grupo de WhatsApp para criticar a tal ou cal profesor ou profesora é algo que induce a crear prexuízos entre os membros do grupo cara a ese profesional. Se hai queixas concretas, deben canalizarse a través dos medios creados a tal fin, non nun grupo de papás ou mamás.

Excesiva protección do menor. Unha mensaxe típica nestes grupos é a consulta sobre tal ou cal tarefa que se lles puxo en clase aos fillos e fillas. Que pasaba antes da era Internet, cando eramos nós os que asistiamos a clase? Se esqueciamos o libro ou a libreta, ou se non sabiamos resolver un problema, tiñamos que afrontar as consecuencias. Non existía un plan alternativo nin ninguén que nos quitara a cobra da silveira. E iso tamén forma parte da aprendizaxe da vida. Cometer erros forma parte da educación, e asumir as súas consecuencias tamén. E non é drama ningún. Que papá ou mamá se desvelen por resolver estes pequenos problemas cotiáns a través do grupo de WhatsApp, consultando a solución con outros papás e mamás, non achega nada positivo ao menor, salvo o saír airoso grazas ao esforzo do proxenitor. A non ser que o que se poña en xogo sexa o prestixio desa nai ou ese pai por demostrar na clase que a súa prole faino todo ben e non falla nunca…

Converter o grupo nun taboleiro de anuncios. O grupo de WhatsApp, volvémolo repetir, ten unha finalidade concreta. Non é para anunciar que atopamos uns gatiños e que se alguén quere quedar con eles, nin para dicir que queremos vender o noso teléfono móbil.

Crear ruído. Chamamos ruído nas redes sociais a esas mensaxes que non achegan nada e que só serven para relegar as mensaxes realmente importantes e molestar aos participantes. Se alguén avisa, por exemplo, que mañá se cambia a hora do festival da clase, non é necesario que todas as persoas do grupo contesten con mensaxes do tipo “grazas por avisar”, “xenial”, “decatada”, ou similares. Ademais, neste caso, xera tamén un ruído “real”, porque cada mensaxe deste tipo activa o son do móbil ao se recibir (no caso de que non o teñamos silenciado). Tamén se pode considerar ruído o usar o grupo para enviar unha felicitación de aniversario, un anuncio dun evento que nada ten que ver coa clase (“esta noite actúa a coral do meu pai en…”), ou o típico chiste ou imaxe graciosa.

Faltas de respecto. Ás veces nestes grupos iníciase unha discusión (normalmente por non seguir os consellos anteriores) e chégase a faltas de respecto entre os seus compoñentes que ten logo o seu translación á vida “real”, creando malos contos e enfrontamentos e divisións dentro do grupo. A norma esencial nestes casos é non dicir nunca en WhatsApp o que non lle dirías á cara á outra persoa. É fácil levarse polo “acaloramento” e escribir cousas das que logo nos podemos arrepentir. E, en calquera caso: non debería chegarse nunca ao caso de discusións nestes grupos.

Coidado co envío de fotos persoais. Igual que en calquera outra rede social, debemos ter moita cautela coa difusión de fotos dos nosos fillos e fillas ou doutros nenos ou nenas. Somos responsables da imaxe dos menores ao noso cargo. E non temos ningún dereito a difundir imaxes dos seus amigos ou amigas sen o permiso previo. Aínda que o grupo de WhatsApp é, en teoría, “privado”, trátase dunha privacidade moi relativa, porque falamos de 15 ou 20 ou máis persoas. E calquera dos participantes pode difundir as fotos que aí circulen noutros ámbitos. Porque, aínda que nós sexamos responsables, non sabemos o grao de responsabilidade e sentido común do resto de pais e nais. Por iso é preferible non arriscarse.

Estes poderían ser os problemas principais que atopamos nos grupos de WhatsApp de nais e pais. E atreveríame a dicir que en calquera grupo de WhatsApp. Cantas casas marcastes? Seguro que máis das que queriades. Pero é importante ser consciente destes erros na comunicación, porque poden repercutir no bo ambiente escolar e educativo. E porque só se somos responsables no bo uso destas ferramentas, poderemos orientar e educar aos nosos fillos e fillas.

Acabo recomendándovos a lectura desta carta –que probablemente moitos e moitas xa coñezades– titulada “El WhatsApp de las mamás de clase” onde, con humor e ironía, refírese aos problemas deste tipo de grupos. Que a gocedes e a reflexionedes.

Fotografía superior de Senado Federal do Brasil.

Tu comentario/O teu comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.