Arquivo

El informer

Informer, Gossip: o anonimato en Internet

Estes días é noticia o fenómeno coñecido como “informer”. Trátase dun sistema ben sinxelo: habilítase unha web ou unha páxina en redes sociais para que calquera persoa poida enviar todo tipo de comentarios salvagardando o anonimato. Ten a súa orixe na Universidade Autónoma de Barcelona, na que tres alumnas crearon unha páxina en Facebook para que os estudantes intercambiasen impresións sobre compañeiros. O 70% das mensaxes teñen carácter sexual ou de ligoteo, pero a idea abriu a espita a algo máis perigoso porque o anonimato pode levar ao envío de mensaxes de acoso a compañeiros, profesores e calquera que se poña por diante.

A idea estendeuse a outras universidades e centros de ensino. A facilidade para montar unha plataforma deste tipo fai que calquera persoa o poida facer sen ningunha dificultade porque funciona dun xeito moi simple: envíase unha mensaxe privada ao administrador da páxina (que normalmente é anónimo) e este publícao na páxina de forma anónima. Se queredes ver como funciona “en vivo” abonda con que en Google poñades “el informer de” e sairanvos centos de resultados, a maioría páxinas de Facebook e algunhas de Twitter.

Existe tamén unha aplicación para smartphones, Gossip (rexouba en inglés). Está formada por salas onde os usuarios, maioritariamente adolescentes, poden deixar rumores de todo tipo. Estes son votados polos usuarios segundo crean que son verdadeiros ou falsos e destas votacións sae unha porcentaxe que determina a súa veracidade. Aínda que é para maiores de 18 anos, non hai xeito de evitar que a descargue calquera menor. Na actualidade conta con máis de 26.000 usuarios e 500 salas.

Todo isto que tanto rebumbio está levantando, en realidade non é nada novo. De feito, Facebook naceu de algo similar, como unha páxina de “rexoubas” e contactos entre os estudantes da universidade de Harvard. E hai un par de anos a noticia estaba en Chatroulette, un sistema de videochat no que se conectaba aleatoriamente con descoñecidos a través de webcam. Polo tanto, na Rede sempre van existir ferramentas de comunicación. O uso que cada un lles dea será o que determine si son boas ou malas. O problema real é, unha vez máis, o anonimato, no que se escudan moitas persoas para difundir contos, acusar e acosar a persoas… É dicir, que favorecen o ciberacoso e o ciberbullying. Pero iso podíase facer, e de feito séguese facendo, con outras redes sociais e programas existentes na Rede, como xa indicamos.

Así que a solución non está, como xa se oíu, en regular estas iniciativas ou ata arbitrar medidas para prohibilas. Poñer “portas” a Internet é tarefa ben difícil. Se se tapa un “burato”, a presión sairá por outro, diso non hai a menor dúbida.

No caso dos adolescentes -que é o grupo de idade do que se ocupa este blog principalmente- e a súa participación neste tipo de redes ou mensaxerías, a saída está na educación, non na represión. Hai que facerlles ver as consecuencias dunha calumnia en Internet, sexa en informer, Gossip ou Tuenti. Xa dixemos en máis dunha ocasión que Internet é unha Rede anónima… ata que deixa de sela. En caso de delito, as forzas de seguridade teñen mecanismos para pescudar quen é o responsable das calumnias ou do acoso. Así que por esta banda, normalmente quen a fai a paga. E se é menor penalmente tamén a pagarán os seus pais ou titores legais.

Pero non só hai que presentalo por esta vía, represiva a final de contas, senón tamén, e sobre todo, pola parte preventiva, para evitar que isto chegue a ocorrer. Tanto a nivel escolar como familiar, o facerlles que se poñan en lugar da persoa calumniada ou acosada, ata con exemplos reais, pode ser unha boa terapia, polo menos para que reflexionen un pouco.

Tamén ter presente algo: a moeda ten dúas caras. E aínda que é frecuente que pais e nais teñan medo aos perigos que poidan axexar aos seus fillos na Rede, é igualmente conveniente que saiban que eles, os seus fillos, poden ser os acosadores. Por iso hai que falar con eles para que saiban que facer no caso de ser acosados e do mesmo xeito advertirlles das consecuencias que carrexa o ser o acosador ou o calumniador.

En consecuencia, ante estas “novas ferramentas” serven os mesmos consellos de sempre: educación, prevención e, por parte dos adultos, formación na Rede. Chegar á seguinte fase, a represión ou o castigo, é indicativo dun fracaso e non será unha solución, porque se xa estamos nese punto quere dicir que xa existiu un problema serio.

Tu comentario/O teu comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.