Menores en rede

Adolescentes en Instagram

Os adolescentes en Instagram

Os adolescentes en Instagram é o título desta entrada, porque a día de hoxe Instagram é unha das redes sociais máis utilizada polos adolescentes. Segundo datos do VI Estudio Redes Sociais de IAB Spain, de xaneiro de 2015, o 60% dos menores entre 14 e 17 anos teñen conta en Instagram.

Quizais moitos pais e nais non teñan claro que é Instagram. Trátase dunha aplicación para compartir fotos e vídeos, que funciona desde o 2010. Xurdiu da necesidade de contar con filtros para aplicar ás fotos tomadas cos teléfonos móbiles para logo compartir entre as amizades. O seu crecemento foi espectacular, contando con máis de 300 millóns de usuarios en decembro de 2014, superando xa a Twitter. Desde o 2012, Instagram pertence a Facebook, que a comprou por mil millóns de dólares.

Instagram está pensada para funcionar desde teléfonos móbiles, inda que conta cunha versión para ordenadores. Por defecto, as fotos que se soben son públicas e calquera usuario de Instagram pode visualizalas. Se se desexa, desde a configuración da aplicación, pódese converter a conta en privada, de tal xeito que só os nosos seguidores poderán ver as nosas imaxes.

O feito de que Instagram sexa coñecida como unha aplicación para fotos, fai que moitos pais e nais descoñezan que en realidade se trata dunha rede social. É dicir, non son fotos que se almacenan no teléfono e se gardan ou se envían aos contactos que se desexa. Non: as imaxes tomadas a través de Instagram son para publicar. Calquera menor que comece a usar esta aplicación para tomar fotos, automaticamente irá subindo todas elas á rede, sen ser consciente ás veces do alcance deste feito. Córrese o risco de subir fotos íntimas, fotos de persoas que non desexan que se difunda a súa imaxe ou fotos en circunstancias non moi recomendables e fóra de contexto. Se engadimos a isto que a aplicación tamén conta co sistema de etiquetado, igual que Facebook ou Twitter, co cal se poden realizar procuras que en ocasións dan como resultado localizacións concretas, xa que é costume estendido engadir a etiqueta co nome da poboación ou o lugar onde se toma a foto. E ten un efecto multiplicador: se un dos usuarios ten conectado Instagram a outras redes sociais, como Facebook ou Twitter, pode ser que ao dar un “gústame” á foto do menor, automaticamente esa imaxe apareza reproducida nas outras redes sociais.

Ten tamén a opción Direct para compartir unha foto en exclusiva cun usuario concreto. Como en calquera outra rede social, para os menores isto pode supoñer a falsa impresión de que esa foto quedará en privado entre a outra persoa e el. En teoría é así, pero por suposto a outra persoa pode difundir esa imaxe como o desexe. E todos coñecemos a estabilidade de certas relacións de amizade, sobre todo en etapas turbulentas como a adolescencia, o que pode dar lugar a difusión de imaxes íntimas como vinganza.

Cales son os costumes dos adolescentes en canto ao uso de Instagram? Por suposto, a moda do selfie (imaxes de si mesmos) segue triunfando. Case a metade das fotos subidas a Instagram por mozas entre 14 e 21 anos son selfies. Algo que as empresas aproveitan, e por iso abundan os concursos invitando a publicar fotos consumindo os seus produtos. É difícil subtraerse a esta moda, con certos toques de vaidade e exhibicionismo. Non ten por que ser necesariamente malo, pero é conveniente que sexan conscientes dos riscos de compartir sen pensar. Moitas veces o obxectivo dos adolescentes é lograr o maior número de comentarios e “likes” posibles, polo que en ocasións se chega ata a publicar fotos máis atrevidas ou ata rozando o ridículo para obter unha maior aceptación.

Non pensemos tampouco que todo o uso que fan de Instagram é “diabólico”. Os adolescentes atopáronlle usos que quizais aos adultos non se nos pasaría pola cabeza. Moitos deles usan esta aplicación para subir fotografías dos exercicios que lles pon o profesor, ou para compartir os seus gustos cinematográficos ou musicais.

Unha vez máis, o meu consello é, en primeiro lugar, coñecer o funcionamento de Instagram. Crearse unha conta e probala non é algo que estea de máis. Ata é posible que cheguemos a ver a súa utilidade, que a ten. De feito, cando faledes cos vosos fillos e fillas desta –ou de calquera outra rede social– non o fagades incidindo só no negativo, senón tamén no moito positivo que teñen. Ata é posible que eles vos descubran usos que nin se vos ocorreron e que poden ser de utilidade para vós. O segundo sería comentar con eles os riscos de subir fotos sen configurar a privacidade de Instagram. É altamente recomendable que a súa conta sexa privada, de tal modo que só os seus seguidores poidan ver as súas imaxes. As contas públicas están ben para os usuarios que publican fotos cun carácter non tan íntimo. E para rematar, facerlles ver o risco de difundir fotos íntimas e os contactos descoñecidos que poden xurdir nesta e outras redes, como xa comentamos noutros artigos deste blog.

A modo de resumo: seguramente os vosos fillos e fillas están en Instagram. Lembrade que non é unha simple aplicación de fotografía senón que funciona como unha verdadeira rede social. Pero non por iso é algo malo, senón que ten un enorme potencial positivo. E son os adolescentes os que en gran parte lle están dando ese sentido positivo e útil, creando novas formas de usala. Mirade a rede en positivo pero advertíndolles dos riscos.

Fotografía superior de mijabi

Tu comentario/O teu comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.