Consellos para menores

Páginas de descarga en Internet

Os perigos das páxinas de descargas de Internet

Estás facendo unha descarga de Internet –unha película, un tema musical– e aparéceche unha pantalla chea de avisos e carteis. Máis que unha páxina para descargar, parece a Quinta Avenida de Nova York chea de rótulos luminosos que loitan para atraer a nosa atención. Pero claro, nós só queremos descargar esa película. En inglés “descargar” dise Download, que iso o sabemos todos. O que se cadra non temos tan seguro é cal de todos os download que nos aparecen na pantalla é o correcto para descargar a desexada película.

Trampas en páxinas de descargaE aí temos o problema. Cada download incorrecto é –case con toda probabilidade– unha trampa que nos pode producir consecuencias non moi apetecibles. Pode ser que no canto de descargar a película nos leve a unha páxina de publicidade no mellor dos casos. Ou que nos diga que para descargala temos que instalar un complemento. Ou que debemos poñer o noso número de teléfono móbil… Coidado con todo iso! É posible incluso que moitas veces nin sequera exista o enlace para descargar o que buscamos.

Polo tanto, moito olliño cando visites estas páxinas. Se che piden instalar un complemento (Java, Flash Player, Media Player ou calquera outro) non lle fagas nin caso, porque instalará con toda probabilidade un virus no teu equipo. Se che ofrece a descarga a cambio de que introduzas o teu número de móbil, non o fagas, porque facéndoo estás subscribíndote a un servizo premium que che facturará unha boa cantidade de diñeiro ao mes á túa conta de teléfono. E un consello: canto máis grande sexa o carteliño de Download máis sospeitoso será.

O mellor é que todas as descargas as fagas de sitios legais, que normalmente non teñen trampas deste tipo. Pero como seguramente non me vas facer moito caso, é mellor que polo menos tomes precaucións. Así que cando busques cousas en Internet para descargar, faino con calma e mirando ben a pantalla, porque son moitos os riscos para ti e para o teu equipo. Imaxina, por exemplo, que por descoido e por pinchar onde non debes, instalas un virus que captura as claves de acceso á banca electrónica dos teus pais. Como dicía aquel vídeo, “la que has liao, pollito…”

Fotografía superior de Armando Sotoca

Tu comentario/O teu comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.