Para os maiores

Permisos smartphone

Os permisos das aplicacións do noso smartphone

Os permisos das aplicacións do noso smartphone é algo que trae rabo e fainos mentireiros. Si: “lin e acepto” está considerada como a gran mentira de Internet. Quen máis e quen menos mentiu con certa frecuencia ao facer uso das aplicacións que instala no seu teléfono. E non é cuestión de idades. A todos dános preguiza poñernos a ler os extensos textos de cláusulas que aceptamos ao instalar unha nova aplicación ou programa. O caso é que marcando ese cadriño de aceptación, damos por boas as condicións que nos impoñen para usar a aplicación en cuestión.

É normal que moitos dos permisos que concedemos sexan lóxicos e necesarios para que a aplicación funcione. Pero hai outros que poden facernos sospeitar. Recordemos que en Internet nada é gratis –ou case nada– e que se non pagamos con cartos estámolo facendo con información persoal: os nosos datos, os dos nosos contactos, a nosa localización, as nosas preferencias…

Por iso é importante que polo menos saibamos que implica cada un deses permisos e –nunha ollada rápida ao instalar cada aplicación– saibamos que cousa estamos autorizando.

É un tema que ademais debemos comentar cos menores que teñamos ao noso cargo, porque poden ser moi vulnerables ao instalar certas aplicacións moi atractivas para eles e moi suculentas para os que as idearon. Lembremos ademais que se temos menores ao noso cargo, é a nosa responsabilidade velar pola protección da súa intimidade e dereito á propia imaxe. Unha charla respecto diso con eles non vén nada mal.

Estes son os principais e habituais permisos que nos adoitan pedir. Non son os únicos pero si quizais os de máis risco.

Modificar ou eliminar o contido da tarxeta SD

Autorízase á aplicación a ler, engadir ou modificar e ata eliminar, os datos presentes na tarxeta microSD. Normalmente requírese esta autorización para gardar algunha información referente á propia aplicación (unha partida ou unha puntuación no caso dun xogo, por exemplo). Na actualidade, se a aplicación só vai ler e/ou escribir na súa carpeta privada, non necesita este permiso. Só o solicita si usa carpetas externas. Inda que tamén pode ser que, no caso dunha app das “perigosas”, dándolle autorización para isto, esteámoslla dando para acceder a imaxes ou información que teñamos almacenadas.

Acceso a Internet sen límites

Habitualmente este permiso é utilizado para acceder, ben a través de 3G, Wi-Fi… a Internet e deste xeito poder actualizarse. Tamén é necesario para conectarse á Rede e poder funcionar. É unha das autorizacións máis comúns, porque practicamente todas as nosas apps necesitan conectarse a Internet para funcionar. Pero como sempre, unha aplicación maligna pode usar este permiso para enviar información do noso equipo a outro dispositivo.

Executarse ao comezo

Permite que unha aplicación poida executarse automaticamente cando o sistema terminou de arrincar. Isto pode facer que o teléfono tarde máis tempo en acenderse e que a aplicación minore a velocidade do teléfono ao estar sempre en execución.

Buscar contas no dispositivo

Permite que a aplicación obteña unha lista de contas recoñecidas polo teléfono, entre as que se poden incluír as contas creadas polas aplicacións que instales.

Ler ID e estado do teléfono

Permite que a aplicación acceda ás funcións de teléfono do dispositivo. A aplicación pode utilizar este permiso para descubrir identificadores de dispositivos e números de teléfono, para saber se unha chamada está activa e para coñecer o número remoto co que se estableceu conexión mediante unha chamada.

Ler ou escribir datos de contacto

Permite que a aplicación consulte ou escriba información sobre contactos almacenados no teléfono, incluída a frecuencia coa que os chamaches, enviácheslles un correo electrónico ou te puxeches en contacto con eles doutro xeito. Ollo, porque eses datos poden almacenarse e compartirse por terceiros grazas a aplicacións malintencionadas. Tamén pode eliminar datos de contactos.

Agregar, modificar ou ler eventos de calendario e enviar mensaxes de correo electrónico a invitados sen o coñecemento do anfitrión.

Permite ás aplicacións engadir, eliminar, ler e cambiar eventos que se poidan modificar no teu dispositivo, incluídos os de amigos ou compañeiros de traballo. Isto pode permitir ás aplicacións enviar mensaxes que parezan provir de donos de calendarios ou modificar eventos sen que o saiba o propietario.

Axustes de Bluetooh

Permite que unha aplicación configure a conexión Bluetooth e que descubra e se vincule a dispositivos remotos.

Localización precisa (baseada en rede e GPS)

Permite que a aplicación obteña a túa localización precisa mediante GPS ou fontes de localización de rede, como torres de telefonía e redes Wi-Fi. Moitas aplicacións necesitan este permiso para funcionar, como é o caso de aplicacións de mapas, recomendacións de lugares ou servizos en función da localización de cada un, redes sociais, tempo meteorolóxico, buscadores, etc. Pero se se trata, por exemplo, dunha lanterna, non será moi necesario que saiba a nosa localización.

Recibir SMS e MMS

Permite que a aplicación reciba e procese mensaxes SMS e MMS, o que significa que podería utilizar este permiso parar controlar ou eliminar mensaxes enviadas ao dispositivo sen mostrarllos ao usuario.

Chamar a números de teléfono directamente

Un permiso que nos adoita estrañar, pero que é o que permite a aplicacións como Skype poder funcionar. Se a app non é coñecida, coidado con este permiso, porque pode ser que lles autoricemos a realizar chamadas a números de tarificación especial, coa consecuente sorpresa á hora de recibir a factura telefónica. Ten en conta que tamén é o permiso que autoriza a realizar chamadas a números de urxencia.

Consultar a túa propia tarxeta de contacto

Permite ás aplicacións ler información de perfil persoal almacenada no dispositivo, como o teu nome e información de contacto. Isto significa que as aplicacións poden identificarche e poden enviar a túa información de perfil a outros.

Actuar como autenticador de contas

Dá autorización á aplicación a acceder e modificar os teus contrasinais. Perigoso e usado polos delincuentes para acceder a datos bancarios, por exemplo.

Administrar a lista de contas

Autorizas a agregar ou quitar contas e eliminar os seus contrasinais. Por exemplo, a app de Facebook precisa deste permiso porque para rexistrarse esixe unha conta. Con todo, outras aplicacións non precisan para nada deste privilexio, porque ata podería eliminar a túa conta de Google do teléfono.

Realizar fotografías e vídeos

Loxicamente, unha aplicación de fotografía necesita este permiso. Pero unha malintencionada pode tomar fotos sen nós ter coñecemento e difundilas a través de Internet.

Instalación de paquetes (ou aplicacións)

Só deberían ter este permiso aplicacións de acceso a tendas alternativas a Google Play Store… inda que neste caso, moito coidado coa fiabilidade desas tendas non oficiais.

Non vos asustedes se comprobades que son moitas as aplicacións que tendes instaladas e que fan uso destes permisos. O importante é que sexades conscientes diso e que vos aseguredes de que son aplicacións de confianza, de fontes fiables, e que teña unha certa lóxica que precisen estes permisos. Tende en conta que non polo feito de contar con ese permiso quere dicir que faga uso del con frecuencia. É dicir, non caiamos na paranoia. Pero si que é conveniente examinar con moitísimo coidado as aplicacións pouco coñecidas. Detrás delas pódense agachar –e con frecuencia fano– intencións pouco claras.

Tu comentario/O teu comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.