Menores en rede

Foto rota familia

Parellas separadas e imaxe dos menores nas redes sociais

Un tema sempre controvertido en Internet é o relativo ao uso da imaxe dos menores nas redes sociais. Temos falado xa diso nesta mesma web, porque son moitos os pais e nais que –probablemente con toda a mellor vontade do mundo– sobreexpoñen innecesariamente aos seus fillos e fillas nas redes sociais. Isto abre a porta a unha infinidade de problemas. Entre eles podemos sinalar o acceso á imaxe do menor por parte de persoas descoñecidas, posible menoscabo da reputación dixital do menor ou difusión de imaxes de terceiras persoas sen o seu consentimento. Pero hoxe en día, cada vez con máis frecuencia, engádeselle un novo problema: o conflito dentro de parellas separadas polo uso que cada un dos seus compoñentes fai da imaxe dos seus fillos comúns nas redes sociais.

Nesta web falamos con frecuencia da necesidade de protexer a imaxe dos menores ao noso cargo. E non só por tema legal –que tamén– senón polo propio benestar presente e futuro dos nosos fillos e fillas. En ocasións danse situacións contraditorias, cando pais e nais se alarman sobre a falta de intimidade dos fillos nas redes sociais e reclaman unha maior privacidade, mentres que por outra banda son eles mesmos –pais e nais– os que aproveitan calquera festividade familiar para publicar imaxes dos menores ás toas.

Cando a parella está unida, a difusión destas imaxes é algo que se consensúa normalmente sen problemas. Pero cando esa parella se rompe poden aparecer os conflitos. Un dos proxenitores publica imaxes dos fillos na rede e a outra parte non está de acordo. Son casos que chegan con frecuencia aos xulgados. Para facernos unha idea, o 10% das consultas recibidas na Axencia Española de Protección de Datos a través da súa canle sobre redes sociais e aplicacións móbiles, durante o ano 2015, eran referidas a dereitos dos proxenitores a poñer en redes sociais fotos dos seus fillos. Hai expertos que recomendan pactar nos convenios de separación o acordo sobre a publicación de imaxes dos fillos nas redes sociais. E a Audiencia Provincial de Alacante, por poñer un exemplo, xa case inclúe esta cuestión como un apartado máis nas sentenzas de divorcio. Que ocorre nestas situacións de desacordo?

Pois para isto acudimos ao artigo 156 do Código Civil que di que “A patria potestade exercerase conxuntamente por ambos proxenitores ou por un só co consentimento expreso ou tácito do outro. Serán válidos os actos que realice un deles conforme ao uso social e ás circunstancias ou en situacións de urxente necesidade”· É dicir, que conservando a patria potestade ambas partes da parella, a situación non debe ser moi diferente á que rexe cando existe a convivencia. O mesmo artigo do Código Civil séguenos dicindo que “se os pais viven separados, a patria potestade exercerase por aquel con quen o fillo conviva. Con todo, o Xuíz, a solicitude fundada do outro proxenitor, poderá, en interese do fillo, atribuír ao solicitante a patria potestade para que a exerza conxuntamente co outro proxenitor ou distribuír entre o pai e a nai as funcións inherentes ao seu exercicio”.

Polo tanto, se a parella desexa compartir fotos dos seus fillos comúns, menores de 14 anos, en Internet, debe ser algo tomado de común acordo, ata no caso de tratarse de parellas rotas. O feito de que un deles teña recoñecida a custodia non priva dos seus dereitos á outra parte. Non hai que confundir patria potestade con garda e custodia. Por iso no caso de non chegar a un acordo, será o xuíz o que decida.

O primeiro paso que hai que dar, no caso de que unha das partes non estea conforme coa publicación de imaxes dos fillos comúns nas redes, é intentar dialogar e chegar a un acordo. Se isto non se logra, só queda recorrer á vía xudicial e será o xuíz quen decida se esa publicación é prexudicial para o menor ou se é ilícita. Se considera que se dá este caso tomará as medidas necesarias tamén conducentes a retirar a imaxe en cuestión da Rede (algo non sempre fácil pola difusión que pode alcanzar noutras canles).

De todos os xeitos, á hora de ditaminar, o xuíz terá en conta o interese e o alcance da publicación. Non é o mesmo publicar unha foto do menor nunha festa de aniversario do avó, nun perfil dunha rede social ao que só teñen acceso familiares (aínda que isto é moi relativo como xa sabemos), que publicar unha foto en aberto, e noutro tipo de contexto, á que accede todo o mundo. De considerar o xuíz que esa foto prexudica o interese superior do menor ou a súa imaxe se está sobreexpoñendo, pode ser que si negue o permiso para a súa publicación.

Pero o que nos ten que levar a reflexión neste tipo de situacións, é se realmente as demandas están motivadas por salvagardar a intimidade do menor ou se se está usando ao menor como arma contra a outra parte da parella. Poñamos sempre no horizonte o benestar dos fillos e fillas, porque van ser, en definitiva, os prexudicados do bo ou mal uso que da súa imaxe fagan os seus proxenitores. Nin ten sentido acudir a unha demanda xudicial porque a outra parte publique nunha rede social con perfil pechado unha foto do menor nunha situación inofensiva, nin tampouco se xustifica que se sobreexpoña a imaxe dese menor só por molestar á ex-parella. En calquera dos dous casos pódese desprender a manipulación dos fillos para beneficio das partes.

Tu comentario/O teu comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.