Menores en rede

Probamos Youtube Kids

Probamos YouTube Kids

Probamos YouTube Kids, a versión de YouTube dedicada en exclusiva aos máis pequenos. Trátase dunha aplicación que funciona en dispositivos móbiles (móbiles, tabletas, videoconsolas, Smart TV e Chrome Cast) pero non en PCs, xa que o seu público –nenas e nenos entre 3 e 8 anos principalmente– está habituado a manexar pantallas táctiles, pero non tanto teclados.

YouTube Kids chegou hoxe mesmo a España, pero xa se podía descargar en 10 países (EEUU, Canadá, Australia, Nova Zelandia, Reino Unido, Irlanda, Arxentina, México, Colombia e Brasil). Pódese descargar tanto desde a tenda de aplicacións de Android Google Play como da AppStore se se trata de dispositivos de Apple.

Unha vez instalada, as primeiras indicacións diríxense a pais e nais (ou adultos responsables). O que fai nas primeiras pantallas (só no primeiro uso) é ofrecer información aos adultos sobre o funcionamento e a configuración da aplicación. Unha vez lido (si, convén lelo) e aceptado, dá paso á aplicación que poden usar os nenos.

Que atopan os menores na aplicación.

Na pantalla de inicio os pequenos atopan catro categorías: Programas, Música, Aprender e Explorar. Dentro de cada categoría, YouTube Kids seleccionou unha serie de vídeos recomendados para estas idades. Iso si, non pensemos que foron seleccionados por humanos, senón por un potente algoritmo. Para que o entendades, un algoritmo vén ser como un programa que realiza unha serie de operacións que conducen a un fin. É dicir, YouTube programa unha busca e selección de vídeos que respondan a unha serie de características que os fagan aptos e recomendados para os menores. Isto quere dicir que pode fallar e ás veces saltar os controis. Non é frecuente nin moito menos que isto suceda, pero en caso de ocorrer, temos a posibilidade de “marcar” ese vídeo para que os responsables de YouTube Kids o revisen e eliminen se iso é o que procede.

Proba outra busca

Proba a buscar outra cousa…

Dentro de cada unha destas categorías, YouTube Kids ofrece unha serie de recomendacións, tamén seleccionadas polo seu algoritmo. Moitas delas baséanse no que se viu ou buscou e sempre proceden da colección completa de vídeos dispoñibles en YouTube Kids.

Hai outra sección chamada “Ver outra vez”, onde o neno pode elixir vídeos que teña vistos previamente na aplicación. É algo que seguramente os pequenos farán, porque ben sabedes que lles encanta repetir unha e outra vez os vídeos e películas que máis lles gustan.

Control parental.

Na parte inferior dereita da aplicación hai un pequeno cadeado. Pulsando nel accédese á configuración. De entrada, dános a posibilidade de establecer o noso propio contrasinal de 4 díxitos, de tal xeito que os nenos non poidan acceder a esta opción. Unha vez dentro podemos manexar ao noso gusto os seguintes parámetros:

  • Activar ou desactivar a música da aplicación (por defecto ten a música activada).
  • Activar ou desactivar os efectos de son da aplicación.
  • Activar ou desactivar as procuras. Se permitimos as buscas, o neno pode atopar calquera dos millóns de vídeos existentes en YouTube Kids. Non se permiten certos termos de procura e no caso de que o neno o intente vai aparecerlle unha pantalla invitando a probar con outros termos. Se desactivamos as buscas, o neno só poderá buscar entre os vídeos recomendados pola aplicación e os recomendados segundo o seu historial de reproducións.
  • Habilitar o envío a pantallas grandes. Se tedes unha Smart TV, sabedes que podedes visualizar os vídeos de Youtube dos vosos smartphones na pantalla do televisor.
  • Configurar os subtítulos. No caso de que o vídeo dispoña deles, pódese cambiar o tamaño e a cor.
  • Establecer o nivel de idade na pantalla de inicio. Hai tres opcións: Todas as idades, Preescolar ou Escolar.
  • Rematou o tempo!

    Rematou o tempo…

    Cambiar o contrasinal de acceso ao control parental.

  • Borrar o historial de reproducións.
  • Establecer o tempo de uso. Unha función moi interesante. Con ela podemos fixar o tempo de uso que lle permitiremos ao neno. Vai desde 1 minuto ás 2 horas. Unha vez pasado o tempo, aparecerá unha divertida pantalla coa frase “Acabouse o tempo!”. Ben, quizais ao neno non lle pareza tan divertido…

Outras funcionalidades de YouTube Kids.

Como vemos, trátase dunha aplicación bastante completa. E coñecendo a afección dos pequenos pola plataforma YouTube, ofrécenos unhas garantías que a canle xeneralista non posúe.

Outra das vantaxes é que non necesita rexistro nin recolle ningún dato persoal, nin dos menores nin dos adultos. O único que fai é recompilar as características do dispositivo e o historial de busca e reproducións para ofrecer unha mellor experiencia.

Ofrece, iso si, publicidade, pero YouTube garante que se excluirán certas categorías, por exemplo as de comida e bebida.

É compatible con funcións de accesibilidad, tanto de Android (Talkback) como de IOS (VoiceOver), que ofrece soporte para o acceso de usuarios cegos e con visión reducida.

Concluíndo, trátase dunha aplicación ben pensada para os nenos de 3 a 8 anos e que achega un pouco máis de tranquilidade a pais e nais. Pero non esquezamos que a responsabilidade sobre a educación dixital dos menores non se pode confiar exclusivamente aos programas, por moi ben pensados que estean e por moitas opcións de configuración que ofrezan. Ademais de deixarlles usar estes dispositivos –con todas estas medidas de seguridade, si– debemos aproveitar calquera oportunidade para compartir tempo con eles e elas no seu uso, descubrindo xuntos cousas novas, ensinándolle como navegar, como protexerse, como responsabilizarse. Por suposto, de forma axeitada a cada tramo de idade e ao nivel de madurez da rapaza ou rapaz.

2 comentarios

  1. hay manera de restringir los idiomas de vídeos q ve el niño en youtube kids

    Responder
    • A día de hoy no existe esa posibilidad. Las opciones de que dispone, como habrás podido comprobar, son muy limitadas y referentes casi exclusivamente al control parental.

      Responder

Tu comentario/O teu comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.