Arquivo

Quinorifas

Quinorifas, festas semáforo e ruletas sexuais

Que todo o mundo de Internet está cheo de palabras raras ninguén o dubida. É algo que asusta aos non moi introducidos na rede. E ao falar dos riscos dos menores á hora de navegar por Internet, tamén aparecen palabras e termos non moi usados na vida cotiá, e con todo definen fenómenos moi habituais e moi tipificados. Palabras como “grooming”, “ciberbullying”, “sexting” ou “ciberbaiting” atrapallan a moitos pais e nais á hora de intentar entender o que sucede na Rede. Con todo, tendo vontade, son termos doados de entender e existen infinidade de recursos en Internet que nos axudan neste sentido.

Este prefacio vén porque hoxe traio outra palabra non coñecida ata agora: Quinorifa. Trátase de algo que xurdiu en Facebook, orixinariamente en Perú e Colombia, e que consiste en ofrecer sexo con menores de idade a cambio de cartos. O gañador desa rifa, tería como premio a oportunidade de manter relacións sexuais con esa nena, entre 15 e 18 anos normalmente. Os prezos van desde os 50 aos 150 dólares por ata 12 horas coa menor.

A promoción faise nun dobre sentido. Por unha banda atraen clientes e por outra a menores para que entren no “xogo” a cambio dunhas sumas de diñeiro. A Policía tampouco descarta que tras estas promocións se encontren non só redes de trata de persoas senón tamén estafas.

Xa en Perú fixéronse en certa medida populares as chamadas festas semáforo, convocadas a través de Internet e onde participan menores de entre 12 e 17 anos. Son festas sen ningún tipo de control onde se consome alcohol, drogas e onde o desenfreo chega ata a práctica de sexo na piscina. Nestas festas os menores deben portar unha pulseira verde (se están “solteiros”), vermella (que significa que xa se ten unha relación) ou amarela (que quere dicir que está disposto ou disposta a todo).

E o terceiro tipo de festas de menores convocadas a través de Facebook son as chamadas ruletas sexuais, nas que se trata de manter relacións sexuais sen chegar a exacular, xa que o que exacula é o que perde.

Unha agravante engadida a este tipo de festas é que moitas imaxes e vídeos tomados nelas se soben a Internet e non é nada difícil atopalas en Youtube e noutras redes.

En fin, unhas modas preocupantes en Perú sobre todo agora mesmo, pero hai que estar alerta ao que poida pasar e constitúe un motivo máis para que pais e nais tomen conciencia do importante que é que estean presentes na Rede e aprendan a navegar e usar as ferramentas de Internet. Non facelo supón –está á vista– correr o risco de decatarse demasiado tarde de prácticas como estas que aquí contamos ou outras similares. Non se pode aconsellar aos fillos e fillas se non se coñece o tema e eles e elas tampouco acudirán a buscar consello e pedir axuda a uns pais e nais que non teñen idea e polo tanto carecen de capacidade para axudar.

Non son motivos suficientes para poñerse mans á obra? Neste vídeo móstrase este tipo de prácticas convocadas a través das redes sociais e advírtese precisamente da necesidade de que os adultos con menores ao seu cargo estean ao día no uso de Internet. E tamén, con este vídeo, compróbase o que apuntabamos: a Rede está chea de imaxes tomadas nesas festas.

Tu comentario/O teu comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.