Para os maiores

Spam desde la propia cuenta

Recibes spam desde a túa propia conta?

Recibes spam desde a túa propia conta? Se nunca vos pasou poderedes pensar que é cousa de tolos, porque que sentido ten enviar correo lixo a un mesmo? Pois crédeme que é máis habitual do que parece. Non o envialo, pero si o recibilo.

A min pasoume con frecuencia que nalgunha das miñas contas recibín correo lixo que vén co remite da miña propia conta. Por máis que miro na bandexa de enviados, non vexo que eu envíe ningún correo con ese contido a min mesmo. Que é o que pasou? Explícovolo por partes.

Onde conseguen a miña dirección de correo electrónico?

Os spammers, é dicir, as persoas ou grupos que se dedican a enviar masivamente correos non desexados, obteñen as direccións de correo a través de numerosas fontes. Fundamentalmente a través destes camiños:

  • A través de hoaxes ou contos que difunden a través de correo. Por iso sempre se aconsella que cando se recibe un destes correos –polo xeral con noticias sensacionalistas– nunca se reenvíe aos propios contactos, e moito menos, se se fai, coas direccións visibles dos correos aos que foi reenviado antes. Este tipo de correos adoitan acabar en mans dos spammers que recompilan todas esas direccións tan útiles para logo eles enviar correo lixo.
  • Con aplicacións virais nas redes sociais. Trátase de vídeos que incitan á curiosidade, falsos concursos e similares. Ao intentar ver o contido ou intentar participar no concurso en cuestión, estamos dando permiso a esa aplicación para acceder á nosa dirección de correo electrónico.
  • Rastrexando foros, perfís de redes sociais, buscadores… Os nosos correos electrónicos figuran en moitos máis sitios que os que pensamos. Naturalmente isto non o fai unha persoa manualmente, senón que teñen software que percorre a rede buscando todo o que se pareza a unha dirección de correo electrónico.
  • Publicando aplicacións para móbiles que prometen grandes utilidades, pero que para instalarse vos advirten de que necesitan acceder a cousas tales como as direccións da vosa axenda, ou sexa, os correos electrónicos dos vosos contactos.
  • Creando páxinas de concursos onde para participar esixen que introduzades o voso correo electrónico. En ocasións nin sequera existe tal concurso e só é unha estrataxema para conseguir direccións de correo. Así que procurade non participar alegremente en tales concursos si non tedes a seguridade de que son fiables.

Por que o correo lixo chega co remite da miña propia dirección de correo?

Agora que xa sabedes como conseguen os spammers a vosa dirección de correo electrónico, pódense comezar a aclarar moitas cousas.

En xeral o correo lixo que recibimos ten como remite direccións descoñecidas. Isto fai que a maioría das veces nin sequera o abramos e que o enviemos directamente á papeleira. Pero se o correo vén como procedente de nós mesmos hai máis probabilidades de que o abramos. Iso é o que saben os spammers e diso aprovéitanse.

Acceden á nosa conta de correo para enviar o spam? Pois normalmente non. O que fan é falsificar o remitente, mediante o coñecido como Mail Spoofing, é dicir, a suplantación da identidade do remitente. Hai moitas ferramentas para facer iso, e pódovos asegurar de que non son nada difíciles de conseguir e calquera usuario “do montón” podería facelo. Dese xeito lógrase facer crer que o remitente do spam é un mesmo cando en realidade provén doutra dirección.

Como solucionar o aparente “autoenvío” de spam?

Para solucionar este problema recoméndanse sobre todo medidas preventivas. A fundamental é coidar a dirección de correo electrónico. Como norma:

  • Se temos que publicar a nosa dirección de correo electrónico nalgún foro ou algún sitio de Internet, facelo enmascarándoa. O máis sinxelo é colocar un espazo en branco no medio: suxeito @pepete.com. É dicir, un espazo entre “suxeito” e a arroba. Deste xeito o software que rastrexa a rede buscando direccións de correo electrónico non a recoñecerá como tal.
  • Non propagar cadeas nin a través de correo electrónico nin a través das redes sociais.
  • Non instalar aplicacións no móbil sen ler os permisos que lles concedemos. Hai algúns que son lóxicos (unha aplicación de mapas que vos pida acceder á vosa localización, por exemplo) pero outras absurdas e que dan que pensar (unha aplicación de lanterna que vos pida acceder á vosa axenda de contactos, como xa sucedeu).
  • Crear e empregar unha conta de correo electrónico só para usar en rexistros de páxinas dubidosas, para concursos, foros, etc. Deste xeito teremos a salvo a dirección de correo principal que usamos para familia, amigos, traballo…

E se os nosos contactos reciben spam remitido coa nosa dirección de correo electrónico?

Se isto ocorre, poden pasar dúas cousas. A primeira é o que vos contamos antes. Nese caso, podédeslles dicir aos vosos contactos que non dubiden en tratar ese correo como calquera outro spam, enviándoo ao cartafol de spam. A dúbida é se cando lles enviemos unha mensaxe autenticamente nosa, o seu correo vaina tratar como spam por tela clasificada así? Pois non, porque os servidores de correo detectan cal é a orixe real da mensaxe e saberá se é a vosa de verdade ou non.

A outra cousa que pode suceder é que a vosa conta estea realmente hackeada, é dicir, que descubran as vosas claves (porque deixastes a vosa conta aberta nun equipo público, ou porque teñades un virus no voso ordenador que volas roube, ou por caer na trampa do phishing…) e realmente estean enviando spam desde a vosa conta. Nese caso, o normal é que o detectedes, mirando a vosa bandexa de correo de saída. Se se dá esta situación recoméndase cambiar inmediatamente o voso contrasinal do correo e pasar algún antivirus no voso equipo.

Resumindo: non vos alarmedes en exceso se recibides spam da vosa propia conta. O máis seguro é que non sexades vós o remitente. Pero para evitar este e outros problemas, coidade moito a vosa dirección de correo electrónico, e o mesmo que non andades publicando a dirección do voso domicilio por todas partes, tampouco debedes facelo co voso correo electrónico. E igual que ás veces se recorre a usar un apartado de correos para protexer a vosa dirección física real, o mesmo debedes facer coa vosa conta de correo electrónico, creando unha diferente, ou varias, para usar en actividades na Rede que non merezan tanta confianza. Evitarédesvos molestias.

Tu comentario/O teu comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.