Menores en rede

redes sociales en familia

As redes sociais en familia

As redes sociais en familia poden ser unha boa forma de iniciar a un preadolescente nunha navegación segura e preparalo para cando chegue á difícil idade da adolescencia.

Xa comentamos nun artigo anterior que a adolescencia non é o mellor momento para que os menores se inicien no uso de Internet. Aos 13-14 anos terá máis peso neles a opinión dos seus compañeiros que a dos pais e serán máis remisos a compartir as súas experiencias na Rede cos adultos e preservarán moito máis a súa intimidade. Con todo aos 9-11 anos están máis predispostos e receptivos ao que se lles poida ensinar na familia. Por iso é a idade ideal para que comecen a facer as súas incursións nas TIC. Pero claro, isto choca coa recomendación –e prohibición– de que usen as redes sociais antes dos 14 anos. Como se pode entón educar no bo uso das redes sen ter un perfil nelas? Pois unha posible solución é crear un perfil familiar nunha rede social (Facebook, por exemplo). Non é unha idea miña, senón de Guillermo Cánovas, un experto na educación dos menores no uso de Internet e que recomendo que sigades. Especialmente valioso é o seu libro Cariño, he conectado a los niños e tamén resulta de moita utilidade seguir as webs nas que traballa: Educalike e Niños y adolescentes en Internet.

Vantaxes dun perfil familiar nas redes sociais

Trátase de crear un perfil da familia nunha rede social. Loxicamente como administrador da conta deberá figurar un adulto: o pai ou a nai. Pero logo pódense delegar algunhas funcións no menor para que actúe como co-administador. Así, baixo a supervisión do adulto e baixo a súa guía, desenvolverá unha serie de tarefas que contribuirán á súa educación responsable no uso de calquera rede social.

A continuación douvos algunhas pistas das funcións que pode desenvolver e as súas vantaxes:

  • Ser o administrador do perfil familiar quere dicir que se lle dá unha responsabilidade e importancia que os preadolescentes (9-12 anos) seguramente agradecen porque se lles fai sentir útiles no seo familiar.
  • Sendo o administrador, xunto ao seu pai e/ou nai, debe ser o que aprobe ou rexeite as solicitudes de amizade na rede social. Un bo momento para que o adulto lle explique, con casos reais diante, a conveniencia ou non de admitir a unha persoa e as razóns para facelo.
  • Como administrador debe tamén aprender a configurar a privacidade na rede e así saberá os riscos asociados a un perfil demasiado aberto. Ademais servirá para que aprenda a ler a “letra pequena” das condicións e axustes das redes.
  • Será o encargado de subir as fotos dos acontecementos familiares, e iso suporá unha boa oportunidade para comentar con el a conveniencia de certas imaxes que, tiradas fóra de contexto, poden ter significados diferentes. Ou a esixencia de contar co permiso expreso das persoas que aparecen na fotografía para poder publicalas. E tamén as consecuencias que as localizacións das imaxes poden ter á hora de asocialas cun lugar determinado.
  • É unha boa oportunidade para descargar algún dos moitos programas sinxelos de tratamento de imaxes para aprender, por exemplo, a pixelar rostros nas fotos, mellorar as condicións de luz, crear mosaicos…
  • Nos eventos familiares, o menor pode comezar a ser o encargado de tomar as fotografías, o cal proporciona a ocasión para ensinarlle a manexar a cámara, a adquirir coñecementos de fotografía ou de vídeo e, ata, comezar a aprender edición de vídeo.
  • Como administrador, tamén debe aprender a escribir os textos que acompañan a enlaces ou fotografías. Neste caso será moi axeitado aparenderlle a manexar un programa de edición de textos (Word ou outras alternativas gratuítas como OpenOffice ou ata WordPad), para logo de redactado o texto, publicalo na rede social.
  • Se nalgún momento vai compartir enlaces a webs, pódese aproveitar para ensinarlle que non toda a información que circula na rede é verídica, e que hai hoaxes e información intencionadamente falsa. Aprender a comprobar a veracidade dunha noticia seralle de moita utilidade no futuro.
  • Pode darse o caso de que o neno ou nena sexa usuario de xogos online, ou que teña unha habilidade especial nalgún tipo de hobby ou afección. Pois isto nos da pé para animarlle a crear videotutoriais para colgar ben en Facebook, ben en Youtube. Un bo camiño para convertelo en produtor dixital e non nun simple consumidor e co que iso comporta de aprender a gravar e editar vídeo, confeccionar guións, aprender locución, moderar comentarios…

E subliño que todo isto ao amparo dunha conta familiar, non unha conta persoal do menor. É certo que son moitísimos os menores que, con coñecemento ou sen coñecemento da familia, teñen abertos perfís en redes sociais xeneralistas. Normalmente non ocorre nada, pero desde a familia non se debería aprobar –e moito menos alentar– este comportamento. Do risco que isto comporta xa falamos nalgún artigo anterior.

Como vedes, incidimos na necesidade de que os menores usen as TIC canto antes, pero sempre con supervisión familiar, e aproveitando estas idades máis temperás para educalo e para que chegue á adolescencia sabendo navegar de forma autónoma e segura.

Fotografía superior de Nicola

Tu comentario/O teu comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.