Arquivo

Twitter y profesores

Responsabilidade do profesorado nas redes sociais

Logo dun período de vacacións, volvo retomar o blog, coincidindo co inicio do curso. E fágoo coa consulta dunha nai preocupada e responsable que me di que á súa filla de 11 anos “dixéronlle que ten que abrir unha conta en Twitter para poder mandarlle deberes a través dela”. Unha irresponsabilidade, como a mesma nai apunta, por parte do colexio e a profesora tendo en conta que en ningún momento lles informaron dos riscos e nin sequera de como usala responsablemente. De entrada é unha auténtica barbaridade que se pida a nenos e nenas de 11 anos que se abran unha conta en Twitter. As redes sociais, e os servizos de microblogging como Twitter están dirixidos a maiores de 14 anos, polo menos en España. O apoio legal está no Real Decreto 1720/2007, de 21 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de Desenvolvemento da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal. No seu artigo 13 di:

    1. Poderá procederse ao tratamento dos datos dos maiores de catorce anos co seu consentimento, salvo naqueles casos nos que a Lei esixa para a súa prestación a asistencia dos titulares da patria potestade ou tutela. No caso dos menores de catorce anos requirirase o consentimento dos pais ou titores.
    2. En ningún caso poderán solicitarse do menor datos que permitan obter información sobre os demais membros do grupo familiar, ou sobre as características do mesmo, como os datos relativos á actividade profesional dos proxenitores, información económica, datos sociolóxicos ou calquera outros, sen o consentimento dos titulares de tales datos. No entanto, poderán solicitarse os datos de identidade e enderezo do pai, nai ou titor coa única finalidade de solicitar a autorización prevista no apartado anterior.
    3. Cando o tratamento se refira a datos de menores de idade, a información dirixida aos mesmos deberá expresarse nunha linguaxe que sexa facilmente comprensible por aqueles, con expresa indicación do disposto neste artigo.
    4. Corresponderá ao responsable do ficheiro ou tratamento articular os procedementos que garantan que se comprobou de modo efectivo a idade do menor e a autenticidade do consentimento prestado no seu caso, polos pais, titores ou representantes legais.

É dicir, co consentimento paterno, podería crearse a conta. Non sería só a de Twitter xa que se precisa tamén unha conta de correo electrónico, que tamén está suxeita aos mesmos condicionantes apuntados arriba. De todos os xeitos Twitter di claramente na súa política de protección de datos:

A nosa política respecto dos nenos Os nosos Servizos non se dirixen a persoas menores de 13 anos. Se vostede advirte que o seu fillo nos facilitou datos persoais sen o seu consentimento, por favor póñase en contacto connosco en privacy@twitter.com. Nós non recollemos información de nenos menores de 13 anos de xeito consciente. Se chega ao noso coñecemento que un neno menor de 13 anos nos facilitou datos persoais, facemos o necesario para borrar devandita información e dar de baixa a conta do neno.

Tedes tamén aquí o enlace ao apartado de consellos para pais e adolescentes de Twitter, que, inda que en inglés, deixa ben claras as precaucións a tomar. En ningún caso, polo tanto, se pode animar a un colectivo de menores a integrarse nunha rede social onde van “convivir” con adultos. E moito menos facelo sen antes dar unhas pautas de precaucións e formas de actuar, tanto aos menores como a pais e nais. É unha grave irresponsabilidade dun educador incitar a usar a rede deste xeito. Seguramente, quero crer, consecuencia dun descoñecemento profundo por parte do profesorado, do que é Internet e as Redes Sociais. O cal non os exime de culpa, xa que a súa obriga é estar formados. Os educadores que de verdade queren usar de forma responsable as redes sociais como forma de traballo na aula, teñen unha excelente ferramenta, e moi sinxela se lle dedican un par de horas como moito, que se chama Edmodo. É un sitio para crear unha rede social pechada só para alumnos e profesorado, totalmente de balde e con garantías de seguridade. Non esixe a apertura de contas de correo electrónico aos alumnos-as e é o propio profesorado o que administra os usuarios. A través desa rede, unha vez creada, pódense encargar tarefas escolares, traballos de grupo, recomendar lecturas, facer avaliacións, cualificar, responder consultas… Para o profesorado interesado, déixolles un par de titoriais moi sinxelos desta ferramenta educativa:

O meu consello é que se ao voso fillo ou filla lle mandan abrir unha conta de correo ou inscribirse nunha rede social xeral (Facebook, Twitter, Tuenti…) para os traballos escolares, faledes co centro escolar para exporlle estes argumentos. Ata o vexo pouco apto aínda que os alumnos-as teñan 15 ou 16 anos. Insisto que hai outras ferramentas. Esixamos tamén un pequeno esforzo aos educadores.

1 comentario

  1. Gracias por este articulo tan interesante e importante.

    Responder

Tu comentario/O teu comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.