Para os maiores

Robo de móvil

Roubáronme o teléfono móbil!

Se che roubaron o teléfono móbil, ademais do prexuízo económico, afrontas outro grave problema. Economicamente poderá supoñer en moitos casos, unha cantidade superior aos 500 euros. E non son poucos os que se rouban cada día. Fálase de setecentas denuncias diarias en España e de vinte en Galicia. Se antes o obxecto de desexo dos carteiristas eran precisamente as carteiras, hoxe son os móbiles, especialmente os de alta gama, o seu obxectivo predilecto.

Con todo, hai outro problema, que non é o económico, e que hai que ter cada vez máis en conta. E é a cantidade de información persoal –propia e de terceiros– que almacenamos nestes dispositivos. De feito, moitas bandas dedicadas ao roubo de teléfonos móbiles empezan a centrar xa máis a atención no contido dos móbiles que no seu valor económico.

O que almacenamos no noso teléfono móbil

Invito a que pensedes no que podedes ter almacenado no voso smartphone. A modo de exemplo:

  • Números de teléfono de todos os vosos contactos, ás veces acompañados do seu enderezo de correo electrónico e quizais o seu enderezo físico.
  • Fotos persoais e de terceiros.
  • Acceso ás vosas contas de correo electrónico, con todo o que iso comporta (mensaxes, enderezos, imaxes, documentos…)
  • Acceso ao voso almacenamento na nube (servizos como Dropbox, Drive, OneDrive, Box, Mega…)
  • Acceso ás tendas de compras de aplicacións (Play Store, App Store, Tenda Apps Amazon, Galaxy Apps…), en ocasións con permiso preconcedido para usar a vosa tarxeta de crédito nelas.
  • Acceso a tendas online como Amazon, AliExpress… tamén ás veces cos datos almacenados dos vosos medios de pago.
  • Acceso ás vosas redes sociais e aplicacións de mensaxería, e en consecuencia unha porta aberta á suplantación da identidade e acceso aos datos compartidos dos vosos contactos (imaxes, comentarios, correos electrónicos, nalgúns casos ata domicilios, lugares de traballo…)
  • Acceso ao voso calendario, podendo coñecer así as vosas citas, axenda, lugares, persoas coas que vos relacionades…
  • Se as tedes, aplicacións para pagos, de almacenamento de tarxetas de fidelización, de viaxe…
  • No caso de usar aplicacións relacionadas coa saúde (aplicacións de tipo deportivo, de control de alimentación, soño, exercicio…), terían acceso a todos estes datos.
  • Acceso ás vosas aplicacións bancarias, inda que o habitual é que se necesite un contrasinal para acceder. Pero tampouco é raro que moitas persoas almacenen os seus contrasinais nalgunha nota, algún correo electrónico, algún documento almacenado na nube…
  • Información corporativa da túa empresa, sobre todo no caso de teléfonos de traballo, o que xa deu lugar a sancións a empregados.

É só un exemplo do que habitualmente gardamos no noso teléfono móbil. Non é pouco. Posiblemente teñamos máis información comprometida no smartphone que no noso ordenador portátil ou de sobremesa, e co agravante de que estamos falando dun dispositivo móbil que levamos connosco a todos lados.

Por todo isto xa se deron casos de chantaxes, roubos de smartphones que desembocan no contacto co seu propietario para esixirlle unha suma de diñeiro a cambio de non comprometer a súa intimidade.

Nun mundo dixital como no que nos toca vivir, é difícil estar totalmente a salvo porque dun ou outro xeito estamos depositando moitísima información persoal en dispositivos ou lugares na nube que ás veces resultan vulnerables. E inda que é certo que ás veces se trata de información aparentemente non sensible, debemos ter en conta que a suma de datos intranscendentes pode dar lugar a unha información transcendente.

É por todo isto que coidar o noso teléfono móbil resulta moito máis importante do que parece, porque non se trata só do seu valor económico –que pode ser reposto dunha ou outra maneira– senón do seu valor informativo. E unha fuga de datos persoais si que pode chegar a ser irreparable.

Medidas preventivas

Polo tanto, convén tomar todas as medidas que están ao noso alcance para tratar de minimizar os prexuízos que nos causaría a perda ou roubo do noso teléfono móbil, sobre todo se cae en malas mans. Certamente que algunhas nos resultarán incómodas, pero apreciarémolas cando –esperemos que non– o roubo se produza.

Sinálovos algunhas delas e inclúovos unha casa de verificación para que vaiades marcando, se vos apetece, aquelas que cumprides, para facervos ao final unha idea do grado de seguridade do voso smartphone:

Ter activado algún sistema de bloqueo de pantalla: patrón de movemento, PIN, contrasinal numérico ou, se o dispositivo o permite, pegada dixital.

Protexer as apps con acceso a información sensible (as que dan paso a almacenamento na nube, como Dropbox, Drive ou similares) cunha clave de acceso.

No ter permanentemente iniciada a sesión en redes sociais. É certo que nos vai restar conectividade e presenza nelas, pero realmente necesitamos tanta?

Usar as apps de mensaxería, como WhatsApp, coma se fosen conversacións públicas. Lembremos que ata sen chegar a roubarnos o dispositivo, grazas ao uso da wifi poden interceptar as nosas mensaxes (malia que coa última actualización de WhatsApp as conversacións se encriptaron).

Ter sempre pechadas as sesións nas apps bancarias e non usalas nunca a través de wifis públicas, porque poden ser pirateadas.

Configurar as tendas de apps para que sempre, ao facer unha compra, esixa a clave de acceso de inicio de sesión.

Ter instaladas só as aplicacións que realmente necesitemos e usemos.

Instalar e activar un sistema de localización remota e bloqueo do dispositivo en caso necesario.

Trata de conservar no dispositivo só as fotos imprescindibles. Non é mala idea ter activado un sistema de subida automática á nube das fotos que se fan para, unha vez subidas, borralas do noso teléfono. Obviamente, a condición de que teñamos a aplicación da nube suficientemente protexida.

Non ter anotados os nosos contrasinais (de aplicacións, bancos, redes sociais, correo…) en ningún sitio do noso teléfono. Para isto existen aplicacións seguras que as conservan encriptadas e baixo unha clave de acceso complexa. Un bo exemplo deste tipo de aplicacións é KeePass.

Ter anotado o IMEI do smartphone nun lugar seguro (por suposto, non no propio teléfono). Isto serviranos para en caso de presentar denuncia por roubo poder proporcionarllo á Policía e para poder bloquear o terminal a través do noso operador. O IMEI figura na caixa do teléfono e, en moitos modelos, dentro do dispositivo onde se insire a batería. E, de calquera xeito, marcando *#06# apareceranos na pantalla.

E, para rematar, a máis obvia: non deixar o teléfono fóra da nosa vista, enriba da mesa nun lugar público, ou sobresaíndo dun peto ou do bolso. Aínda con estas precaucións non nos libraremos do risco, pero poñerémosllo máis difícil aos amigos da alleo.

En efecto, moitas destas medidas son un trastorno, e sexamos honestos, poucas persoas cumpren todo isto. Pero polo menos, que as coñezamos e tratemos de cumprir as máis que podamos. A nosa vida, tan dixital xa en moitos aspectos, facilítanos moitas cousas, pero tamén nos obriga a maiores medidas de seguridade. O que podemos perder é moito. E todo isto teñámolo tamén en conta para os smartphones dos vosos fillos e fillas. Un tema máis para tratar en familia. Estas precaucións que sinalamos son tamén unha das formas para preservar a súa imaxe dixital. E a rapazada adolescente está moi afeita a gardar centos de fotos nos seus teléfonos, a intercambiar todo tipo de imaxes nas súas contas de WhatsApp, a estar conectados permanentemente a varias redes sociais a través das súas smartphones e a usar os seus teléfonos en calquera lugar, o que lles converte en presa fácil dos ladróns.

Fotografía superior de FHKE

Tu comentario/O teu comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.