Para os maiores

Comunicación Internet

Vellas ferramentas de comunicación en Internet que foron moi útiles

É frecuente escoitar a pais e nais queixarse do rápido que avanzan as ferramentas de Internet e o difícil que resulta estar ao día nas que usan os seus fillos e fillas. E si, é certo, pero tampouco ao extremo de que cada ano haxa unha “reinvención” de Internet. Unhas ferramentas van evolucionando e mellorando ata chegar a ser totalmente distintas do que eran nas súas orixes, e outras acaban morrendo, fagocitadas por outras que as superan. Os que levades “uns anos” navegando pola Rede, entenderedes isto facilmente. Unha mirada atrás e veremos as ferramentas, os programas, que han ir quedando atrás e que, ao miralos, sentimos unha certa nostalxia.

Pasoume agora, reorganizando vellos apuntes de charlas de hai anos. Comprobei que cambiaron moitas cousas, que programas dos que falaba hai tempo, xa non existen ou son simplemente testemuñais. Por iso, e dedicado especialmente aos que coma min, somos algo nostálxicos, quixen facer un breve repaso dalgunhas delas.

ICQ

IcqUn vello programa de comunicación, creado en 1996 co nome de Mirabilis, que se considera o primeiro programa de mensaxería instantánea do mundo, con posibilidade de videoconferencia. Como curiosidade, íase vendo en tempo real o que a outra persoa ía escribindo. E se se equivocaba e borraba, tamén se vía “en directo”. Foi Microsoft co MSN Messenger quen comezou a socavar o seu predominio. Pero pódovos asegurar que no seu tempo constituíu unha revolución e que serviu para aqueles primeiros amores forxados a través de Internet. No 2010 foi comprado por un grupo investidor ruso –con accións tamén en Facebook– e relanzado cunha nova imaxe e con versión para móbil. Inda que en Europa e Estados Unidos o seu uso é mínimo, en Europa do Leste e Asia aínda ten uso. Se aínda queredes instalalo, podedes facelo desde a súa web.

mIRC

mIRCIRC é o acrónimo de Internet Relay Chat, un protocolo de comunicación en tempo real baseado en texto, e diferénciase da mensaxería instantánea en que os usuarios se encontran nunha canle onde todos poden comunicarse entre si inda que non tiveran un contacto anterior. Pois sobre esta base –que segue plenamente operativa– enchíanse os abundantes cíbers existentes nos anos 90 en todas as cidades. Un pasatempo habitual dos adolescentes era deixar ir as tardes do sábado ou domingo neses locais interactuando a través principalmente do mIRC, un cliente baseado neste protocolo. Existían scripts (para entendernos, algo así como programas) para mellorar as súas funcionalidades. O máis usado quizais fose o IRCap. Era unha interface máis ben pouco amigable pero que cumpría as súas funcións. Non era habitual por entón dispoñer de conexión a Internet nos fogares e por iso os cíbers constituían un lugar de reunión. Tamén era usado por adultos, e constituía un punto de encontro en base a afeccións, traballos en colaboración, investigación, etc. Así mesmo, eran famosas naquela década as “quedadas”, os encontros reais de persoas que previamente se coñeceran nas canles de IRC. Se queredes coñecer máis sobre este sistema ou lembrar aqueles tempos, aconséllovos o artigo de Emezeta, IRC: La época dorada de las salas de chat.

NetMeeting

netmeetingUn programa similar ao MSN Messenger e que viña incluído en Windows –desde o Windows 95 ao XP– por defecto. Do mesmo xeito que o ICQ, presentaba o problema de que ao ser a conexión un a un por IP, a infección con troianos era moi fácil, máis naqueles tempos en que era frecuente que os usuarios non tivesen instalado ningún antivirus nos seus equipos. Usábase principalmente para videochamadas e foi un proxecto postergado en favor de MSN Messenger a partir de Windows XP. Pero aínda hoxe en día existe a posibilidade de descargalo –na súa versión evolucionada– desde o sitio de Office en Microsoft, co nome de Microsoft Office Live Meeting 2007.

MSN Messenger

MessengerFoi a estrela dos programas de comunicación dos adolescentes. Creado en 1999 funcionou ata o 2007. Logo foi substituído por Windows Live Messenger e en 2013 substituído definitivamente por Skype. Tivo grande auxe ao vir –a súa versión de MSN Messenger– incluído por defecto no sistema operativo Windows desde a súa versión XP. A versión web –MSN Web Messenger– aparece en 2004, co cal se podía usar sen necesidade de ter instalado o programa no equipo. Unha “parvada” pero que naqueles tempos era unha revolución posto que posibilitaba chatear en equipos que por calquera circunstancia non permitían a instalación do programa. A súa evolución foi constante desde a primeira versión, que non era máis que mensaxería sen formato e unha lista de contactos moi simple. Aos poucos foi engadindo melloras na xestión de contactos, texto con formato, voz e vídeo, emoticonos, transferencia de arquivos, actividades compartidas, personalización da interface, etc.

Seguramente fora o maior éxito de Microsoft na súa liña de produtos para a web. Só en España chegou a ter no seu momento máis alto máis de 15 millóns de usuarios. O seu ocaso veu da man, no caso de España, do uso de Tuenti e a chegada de WhatsApp e a mensaxería BlackBerry.

Orkut

OrkutFoi unha rede social lanzada por Google no 2004, antes que Facebook, e funcionou ata o pasado ano 2014. Tiña todas as características dunha rede social ao uso. En principio só se podía acceder a ela mediante invitación, unha fórmula que despois usou durante bastante tempo Tuenti. Era frecuente ver en foros de Internet as peticións e ata a venda de invitacións para estas redes sociais. A súa curiosidade, polo menos persoalmente para min, residía en que era unha rede social anterior a Facebook e que con todo non chegou a ter o éxito que esta tivo e ten. Con todo, en dous países, India e Brasil, chegou a ser unha rede social maioritaria. Aínda hoxe en día é posible ver o arquivo do seu contido público.

Salas de chat de Yahoo e de Messenger

Chat MSNEstes dous servizos de mensaxería instantánea tiveron, durante un tempo, as súas salas de chat. É dicir, lugares onde se podían encontrar os usuarios sen necesidade de contactar previamente e comunicarse con calquera sen necesidade de incluílo nos contactos.

Messenger dispuxo desas salas ata 2003, en que as pechou alegando que servían de refuxio para spam e “depravados sexuais”, ao ser un chat libre e sen moderación. Yahoo Messenger fixo o mesmo en 2012, alegando razóns semellantes. Yahoo explicaba que este tipo de salas provocaba moitas denuncias de acoso, pedofilia, tráfico de datos, etc.

Na súa época foron tamén lugar de encontro e de uso frecuente por adolescentes. E é certo que constituían un risco pola súa falta de control e a súa facilidade para contactar con descoñecidos.

Second Life

Second LifeUn programa creado en 2003 e que tivo o seu auxe alá polo 2006-2007. Basicamente, para resumir, trátase dun mundo virtual onde existen casas, rúas, prazas, comercios, centros de estudo, parques, etc. Nese espazo virtual interactúan os avatares. Cada un deles representa a un usuario conectado. Cando un creaba unha conta neste sistema, creaba tamén un avatar, un personaxe para moverse nese mundo. Nos seus anos álxidos chegaron a realizarse emisións de radio (reais) desde ese mundo (a Cadea Ser fixo o seu programa estelar da mañá “Hoy por Hoy” desde Second Life, cun avatar do seu presentador, Carles Francino. Varias universidades impartían clases desde este mundo virtual. Políticos como Gaspar Llamazares creáronse o seu avatar e chegaron a dar mitins nunha sidraría virtual. Eu mesmo cheguei a presenciar nese mundo virtual, unha manifestación contra a política racista de Le Pen, onde ata avatares de gardacostas de Le Pen chegaron a agredir a avatares dos manifestantes. E incluso chegou a existir un centro galego virtual. Para os que non experimentaron este mundo, soa un pouco difícil de entender. Pero o curioso é que ata existía a propiedade virtual, na que se movía diñeiro, o dólar Linden, que tiña o seu equivalente en dólares reais. No Congreso dos Estados Unidos chegouse a suscitar o tema do fisco de todo o diñeiro que se movía neste mundo. Ata se deu o caso de usuarios que chegaron a facerse ricos –no mundo real– comprando e vendendo propiedades en Second Life.

Second Life segue existindo, pero segundo o que escoitei, converteuse en algo así como un polígono abandonado nos arredores dunha cidade. De calquera maneira, se queredes intentalo, aínda podedes rexistrarvos e “vivilo” desde a súa web oficial.

E estas son algunhas das ferramentas que quixen lembrar. Poderiamos falar de moitas máis, como as no seu tempo útiles listas de correo, a innovación que supuxo MySpace ou os xestores para descargar sitios web completos para poder velos offline. Daquela foron unha auténtica revolución e resultaron de grande utilidade, cos seus proles e as súas contras como vimos. Pero constitúen a historia –nova pero intensa– da Rede e sobre ela construíronse as ferramentas que usamos hoxe. O telas experimentado sérvenos para entender mellor as actuais. Por iso a miña mensaxe habitual dirixida a pais e nais: usade Internet, non vos escudedes na escusa de que todo cambia moi rápido. Calquera ferramenta usada hoxe serviravos para entender mellor as de mañá. Os vosos fillos e fillas usan esas aplicacións e non se preguntan se van durar moito ou se van desaparecer. Úsanas mentres lles son útiles e cando non o son, cambian a outra con toda naturalidade.

E a vós, tedes algún outro programa usado hai anos e que lembredes dunha maneira especial? Contádeme.

Tu comentario/O teu comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.