Arquivo

baner

X Día Internacional da Internet Segura

Hoxe, 5 de febreiro, celébrase o X Día Internacional da Internet Segura. Este ano o lema é “Conéctate e respecta”, algo que creo que é a pedra angular da navegación dos menores na Rede. Temos que facer un esforzo, pais, nais, educadores e adultos en xeral, en ver as TIC, as tecnoloxías da información e a comunicación, como algo cotián, como algo integrado totalmente na vida dos nenos e dos mozos. Non se trata, repetímolo moitas veces, dunha actividade extraescolar, un xogo, unha moda ou algo que só serve para o lecer. Internet está presente nas nosas vidas moito máis do que imaxinamos.

Os principais problemas que se suscitan a raíz do uso de Internet por parte de adolescentes e nenos veñen xeralmente da Rede como forma de comunicación. Os contidos inadecuados e a adicción son os outros grandes grupos de problemas que se presentan. Pero da comunicación con outras persoas -compañeiros e compañeiras, amigos e amigas, familiares ou descoñecidos- é de onde adoitan xurdir conflitos, como o ciberbullying, o sexting, o grooming ou o ciberbaiting (do que falaremos nun próximo artigo). E a prevención a estes problemas vén fundamentalmente do respecto mutuo. Dío ben claro o lema: primeiro “conéctate”, é dicir, non prohibir -inda que si regular- o acceso á Rede dos menores, e en segundo lugar, “respecta” igual que o farían ou deberíano facer na vida cotiá. É o que se chama as normas de “netiqueta”, as normas de comportamento en Internet.

Perdamos o medo a Internet, non nos cohibamos ante a Rede e participemos nela. Só se os menores nos ven implicados e coñecedores das ferramentas de Internet poderán confiar en nós neste aspecto. Só se saben que non vemos a Rede como un “instrumento maquiavélico” poderán contarnos os problemas que lles poidan xurdir. Só se ven que falamos con eles con naturalidade sobre o que atopamos en Internet -e non só cando aparecen problemas- poderán acudir a nós cando xurdan verdadeiros problemas. E para todo isto precísase un esforzo de formación, de ganas de coñecer para poder compartir. Seguramente moitos de vós veriades o programa do pasado domingo de “Salvados” dedicado á educación en España. Nun momento, cando se vía o sistema educativo finés comentábase que os pais e nais acudían a clases de español para poder axudar aos seus fillos no estudo dese idioma. Pois coa mesma naturalidade hai que facelo con Internet. Só dominándoa poderase axudar aos mozos e mozas.

E para rematar hoxe, paréceme moi interesante este artigo onde se presenta un cuestionario tecnolóxico para pais e nais. Serve como bo punto de partida para reflexionar sobre a nosa actitude ante as TIC e os menores.

Tu comentario/O teu comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.