Menores en rede

Yodel

Yodel: o problema das redes sociais e mensaxarías anónimas

Máis dunha vez advertimos dos perigos das redes sociais ou mensaxarías anónimas. Son aquelas que permiten interactuar con outras persoas sen necesidade de se rexistrar ou de incluír os nosos datos persoais. É o caso de Chatroulette, ou a no seu tempo famosa aplicación Gossip (xa desaparecida) ou o sitio Informer, e outras semellantes. Agora volve saltar á actualidade outra aplicación para móbiles coñecida como Yodel.

Yodel defínese a si mesma como unha comunidade online que permite conectar con outros usuarios sen desvelar a propia información persoal. É dicir, desde o anonimato. E como segue dicindo na súa descrición, anima a “compartir e informarse das noticias, eventos, acontecementos, bromas e rexoubas antes que ninguén”. Ingredientes ideais para atraer a atención dun adolescente.

A aplicación permite enviar mensaxes públicas a un radio de 10 km de forma totalmente anónima. Un bo sistema para amparar o ciberbullying, por suposto. Os deseñadores da aplicación, ante o alarmante uso negativo que se está facendo dela, lanzou unha advertencia de que está absolutamente prohibido usar nomes, números de teléfono e bullying, baixo pena de bloquear en Yodel a zona desde onde se enviou esa mensaxe.

O seu funcionamento é moi sinxelo. Unha vez instalada comeza a buscar a nosa localización e enseguida aparecen as mensaxes emitidas nese radio. Esas mensaxes coñécense como “yodels”. A maioría, como se pode ver na imaxe que ilustra este artigo, totalmente banais. A comunidade pode votar –negativamente ou positivamente– cada unha desas mensaxes, e tamén comentalas. Mandar nós unha mensaxe é tan sinxelo como pulsar o botón e escribila. A primeira vez apareceranos unha advertencia explicando as normas da comunidade e xa a partir de aí se pode publicar libremente. No menú da aplicación tamén podemos buscar os yodels máis comentados, os máis votados e os máis recentes, así como o historial dos nosos yodels e os votos emitidos (positivos ou negativos).

O feito de que as mensaxes sexan públicas nun radio de 10 km acentúa o carácter pernicioso desta aplicación porque significa que todas as persoas próximas á vítima, que teñan instalada a aplicación, recibirán esas mensaxes. Naturalmente, para recibilas hai que tela instalada. E aínda que a vítima non a teña, ou a desinstale para non seguir recibindo ameazas, posiblemente moitos compañeiros e compañeiras da contorna si que a teñan e seguirán recibindo mensaxes ofensivas cara a esa persoa.

Yodel xa foi e está sendo fonte de problemas en centros de ensino, precisamente por ser ferramenta para a práctica do ciberbullying e tamén do ciberbaiting.

As aplicacións deste tipo nacen coa idea de coñecer persoas da contorna –do estilo de Tinder– pero adoitan acabar converténdose, debido ao mal uso, nunha especie de patio público onde os insultos, inxurias e ameazas campan ao seu aire. Para evitar isto –sobre o papel– os seus creadores preséntana tamén como “o chat anónimo para a universidade”, coma se estivese dirixido a persoas con madurez e adultos. É inevitable que acabe sendo usada polos adolescentes. E de calquera xeito, reportáronse xa casos de mal uso de Yodel por parte de adultos, para acosar as súas ex-parellas ou para practicar mobbing.

En máis dunha ocasión advertimos que pais e nais deben preocuparse non só de que os seus fillos e fillas sexan vítimas de acoso a través da Rede, senón tamén de que poidan ser os acosadores. A influencia do grupo, a facilidade de facelo, a presunción de anonimato, a inconsciencia, a inmediatez das aplicacións, fan que en ocasións asuman o papel de maltratadores.

En ningún caso é recomendable que os menores teñan instaladas aplicacións deste tipo –chámese Yodel, Chatroulette, Gossip ou calquera outra– porque non achegan nada nin á súa formación, nin ao seu lecer nin ás súas relacións. Por iso sempre recomendo que saibades que aplicacións teñen instaladas os vosos fillos e fillas nos seus smartphones. O evitar aplicacións que se amparan no anonimato reduce as posibilidades de que se convertan en acosadores e tamén de ser acosados.

Tu comentario/O teu comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.